AD

Actualidad

Baleato: “BNG e CA puxeron unha diana sobre os turistas, agora pagamos as consecuencias»

today7 abril, 2026

Fondo
share close
AD

A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, advertiu hoxe da preocupante evolución do turismo na cidade e sinalou directamente ao goberno municipal como responsable dunha deriva que “está a poñer en risco o liderado de Santiago como destino de referencia”.

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, Baleato criticou que, desde a chegada do BNG e Compostela Aberta ao goberno no verán de 2023, “instalouse un discurso profundamente negativo arredor do turismo, presentándoo como un problema para a cidade”. Segundo explicou, “falouse de saturación, de comportamentos incívicos dos peregrinos e de masificación, convertendo situacións puntuais en normas xerais e xerando unha crispación que nunca existira en Santiago”.

A edil popular foi contundente ao afirmar que “foi este goberno quen puxo unha diana sobre os turistas desde o primeiro minuto, e agora estamos a pagar as consecuencias”. Neste sentido, insistiu en que “non estamos ante un problema global do sector turístico, senón ante un problema específico de Santiago derivado da falta de xestión e dunha mensaxe equivocada”.

Baleato puxo en valor o potencial turístico da cidade, especialmente nun momento como a Semana Santa, “que representa unha oportunidade única para reforzar a proxección de Santiago e dinamizar a economía local”. Agradeceu o labor das confrarías e de todos os composteláns implicados na súa organización, destacando que “é unha tradición que combina historia, cultura e sentimento de comunidade e que merece o máximo apoio institucional”.

Porén, lamentou “a falta de implicación, planificación e apoio económico do goberno municipal”, que ao seu xuízo está a impedir consolidar e facer medrar este tipo de eventos. “Estamos desaproveitando oportunidades claras para atraer turismo de calidade e fortalecer o noso tecido económico”, advertiu.

A concelleira tamén recolleu as demandas do sector, sinalando que “igual que apunta a Unión Hotelera, é imprescindible reforzar a promoción turística, especialmente nos meses de menor demanda, e avanzar con planificación nos preparativos do Xacobeo 2027”. Neste sentido, lembrou que Santiago conta con “todos os recursos para ser unha potencia turística: patrimonio cultural e eclesiástico, unha excelente planta hoteleira, infraestruturas como o Palacio de Congresos ou a Cidade da Cultura, unha gastronomía recoñecida e eventos de proxección internacional como O Son do Camiño, que o propio goberno municipal se empeña en cuestionar”.

ESCURANTISMO CON RYANAIR

Durante a quenda de preguntas, Baleato foi clara ao rexeitar “entrar en polémicas artificiais que o único que fan é intentar tapar o verdadeiro problema, que é que o goberno do BNG, Compostela Aberta e a propia Goretti Sanmartín levan tres anos sen facer absolutamente nada polo sector turístico da cidade”.

Neste contexto, denunciou o “escurantismo” co que, ao seu xuízo, actúa o executivo local: “están a ocultar as cifras que o seu goberno destinou á compañía Ryanair desde que están na alcaldía. Uns datos que deberían ser públicos, porque son os cartos de todos os composteláns, e que a señora Goretti Sanmartín ten un especial interese en que non se coñezan”.

“Por iso, hoxe, en vez de facilitar esas cantidades, o que imos repartir é o documento —sen firma de ninguén— que nos entregaron desde Alcaldía, en man, e cuxas cifras tivemos que tapar”, engadiu, cuestionando a falta de transparencia na xestión municipal.

ABANDONO DO RURAL

Finalmente, Baleato, preguntada polo comunicado de FERUSA, ampliou as críticas á situación xeral da cidade e do rural, asegurando que “o estado do rural, pero tamén de toda a cidade, é lamentable”. “Non entendemos que fixeron nestes tres anos, porque está claro que xestionar os problemas diarios de Santiago non. Levamos tres anos denunciando o total abandono do rural e o desleixo do goberno do BNG e Compostela Aberta neste sentido”, afirmou.

“A única política que vimos son anuncios baleiros e grandes titulares, algo ao que xa nos teñen acostumados. Pero á hora da verdade, nada de traballar polo rural”, denunciou, enumerando a falta de avances en ámbitos clave: “no transporte urbano, nada; na limpeza, xa nin falar, na iluminación, no asfaltado, no saneamento ou nos desbroces, a situación evidencia que o goberno non está á altura das circunstancias”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *