Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 noviembre, 2025
A concelleira socialista advertiu de que os atrasos na Sionlla deixaron Santiago sen solo industrial e sen capacidade para competir na captación de novas empresas, unha situación que atribúe á falta de avances tanto da Xunta como do Concello.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025. A concelleira socialista Marta Abal alertou este mércores dunha “parálise preocupante” tanto por parte da Xunta de Galicia como do Concello de Santiago na ampliación e na xestión do polígono da Sionlla, unha situación que, ao seu xuízo, está a provocar que a cidade quede “sen solo industrial e sen capacidade para atraer investimento”.
Abal lembrou que a última parcela dispoñible da Sionlla foi adxudicada en abril de 2025 e advertiu de que, a día de hoxe, “non hai solo industrial dispoñible”, o que considera unha “situación alarmante para o crecemento empresarial de Santiago”. A concelleira criticou que a Xunta anunciara que a ampliación da Sionlla avanzaba “con paso firme” e que a finais de 2025 se poderían licitar as parcelas, cando “a realidade é moi distinta”.
Segundo explicou, dezaoito meses despois do inicio do contrato, “aínda estamos na fase de redacción do borrador inicial do plan estruturante”, unha etapa “moi inicial” e sen aprobación inicial nin información pública, “a licitación anunciada pola Xunta para 2025 xa é imposible”, afirmou. “Tendo en conta a situación actual, con sorte estará dispoñible a finais de 2027 – 2028”, engadiu.
A concelleira recordou que no Pleno de xullo o grupo municipal socialista xa advertira deste bloqueo e reclamara medidas urxentes. “Solicitamos a aceleración inmediata do PEOSE do SUND-29 e a creación dunha comisión técnica Xunta – Concello para planificar o solo industrial con criterios obxectivos e rigorosos”, afirmou. “Nada diso avanzou”, engadiu.
Abal defendeu que Santiago necesita activar outras alternativas para non quedar atrás respecto doutras cidades. “É indispensable poñerse a traballar xa en Costa Vella, en Formarís ou en actuacións máis ambiciosas, porque non podemos deixar todo única e exclusivamente á iniciativa privada”, sinalou, lembrando que estes dous ámbitos permitirían mobilizar 138 parcelas industriais e que o propio tecido económico propón unha bolsa de máis de 1,5 millóns de metros cadrados no Tambre.
“O expediente da entidade de conservación leva meses parado”
A edil foi tamén crítica coa xestión municipal do polígono existente. Recordou que o goberno local anunciara en xullo que os estatutos da entidade de conservación estaban na “fase final de tramitación”, pero, segundo Abal, “o 1 de agosto o Concello paralizou o expediente para pedir informes internos e, a día de hoxe, non nos consta que se reactivase”.
Para a concelleira, o resultado é evidente: “A Sionlla presenta farolas deterioradas, deficiencias na sinalización, beirarrúas e pavimentos sen mantemento e problemas de limpeza”. Por iso pide que a entidade quede constituída antes de final de ano e que se valore unha figura máis ambiciosa: “É importante que o Concello se poña a traballar nunha ECOXEM, que permitiría actuacións máis alá do simple mantemento”, explicou.
Horas extra de bombeiros e policías
Preguntada polos medios sobre o voto do grupo municipal socialista no pleno extraordinario deste venres relativo ao pago das horas extra de Bombeiros e Policía, Abal avanzou que o grupo apoiará o expediente, “vamos apoiar o pago, iso é así”, dixo, deixando claro que as e os socialistas “non imos a poñer en risco un servizo esencial”.
A concelleira advertiu que a situación actual é consecuencia directa da inacción do goberno local, “chegas a esta situación porque son necesarias horas extras para atender o servizo ordinario”, afirmou. “A alternativa é a que estamos a ver agora, prestar o servizo con risco para as veciñas e veciños e para os traballadores”.
Abal sinalou que a falta de efectivos xa compromete a resposta ante emerxencias, “antes que arriscar a vida dunha persoa por falta de efectivos nun incendio, preferimos asumir o levantamento do reparo suspensivo”.
Respecto ás críticas do Partido Popular, a edil socialista acusou á oposición de utilizar “discursos irresponsables nun asunto extremadamente sensible”. Abal subliñou que “o expediente ten informes negativos porque o extraordinario se está a utilizar como ordinario, pero a realidade é a que é. Non imos facer demagoxia con este tema”, e reclamou “seriedade e rigor” tanto ao goberno municipal como ao Partido Popular.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)