Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 octubre, 2025
A concelleira socialista acusa ao PP e ao Goberno de Goretti Sanmartín de priorizar a confrontación fronte ás solucións e reclama medidas urxentes para garantir vivenda a prezos accesibles en Santiago.
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025. A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago, Marta Abal, pediu ao Partido Popular e ao Goberno de Goretti Sanmartín “que deixen de lado as liortas e se poñan a traballar de verdade en políticas de vivenda pública”. Abal lembrou que “o Partido Popular non está en posición de dar leccións neste ámbito, xa que, cando gobernou o Concello, eliminou Emuvissa, a empresa pública de vivenda e solo, que tantos e bos resultados deu”.
Abal criticou tamén a falta de actuación da Xunta de Galicia, “administración con competencias exclusivas en materia de vivenda”, e advertiu de que “o Partido Popular non construíu en Santiago ningunha soa vivenda protexida nos últimos anos”.
A edil socialista reclamou que “o Goberno Local debe poñerse as pilas e actuar con axilidade na cesión gratuíta das parcelas, das Cancelas e da Muíña, como fixo o Concello da Coruña”, xa que “a demanda de vivenda de alugueiro asequible non pode esperar”.
Para o Grupo Municipal Socialista, “as condicións que proceden neste contexto son dúas: primeiro, que todas as vivendas sexan de protección pública permanente; e segundo, que a maioría se destinen a alugueiro a prezos accesibles, de modo que o custo de arrendamento non supere o 30% do salario das persoas inquilinas”.
Abal concluíu que “Santiago necesita colaboración e vontade política, non confrontación nin escusas”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)