AD

Actualidad

Melide presenta a 34ª Festa do Melindre, que reforza as actividades e a animación nas rúas

today11 abril, 2026

Fondo
share close
AD

Obradoiros, showcooking, música e pasarrúas completarán unha fin de semana dedicada aos melindres, ricos e amendoados, os doces tradicionais da vila

Vaise celebrar os días 9 e 10 de maio

Melide, 09 de abril de 2026.- O Concello de Melide presentou a programación da 34ª Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, que se celebrará os días 9 e 10 de maio, cun programa que incorpora máis actividades e reforza a animación nas rúas ao longo de toda a fin de semana.

Na presentación participaron o edil de Comercio, Xosé Igrexas; a concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, xunto a melindreiros e melindreiras da vila.

Dende o Concello destacan a importancia dunha celebración que forma parte da identidade de Melide e que cada ano atrae a milleiros de persoas. “A Festa do Melindre é unha oportunidade para poñer en valor a nosa repostería tradicional e o traballo das persoas que manteñen vivo este saber facer”, sinalou Igrexas.

Considerada a festa máis doce de Galicia, esta cita gastronómica é das máis importantes da comarca e unha das de maior proxección en toda a comunidade, especialmente desde que no ano 2013 foi declarada Festa de Interese Turístico Galego. A celebración rende homenaxe aos tres produtos que identifican a repostería tradicional melidense: os melindres, os ricos e os amendoados.

A festa naceu coa intención de protexer e poñer en valor a forma tradicional de facer repostería en Melide e na súa comarca, transmitida de xeración en xeración e que hoxe continúa viva nos fornos da vila. A primeira edición organizouse no ano 1991 por iniciativa do Concello.

Programa da fin de semana

O concelleiro Xosé Igrexas foi o encargado de explicar a programación desta edición, que incorpora máis actividades ao longo do sábado e aposta por reforzar a animación nas rúas.

A feira abrirá o sábado 9 de maio ás 11:00 horas. O horario será de mañá ata as 14:00 horas e de tarde de 16:30 a 20:30 horas.

Desde as 11:30 ata as 15:00 horas haberá animación coa charanga Achicoria e Herba Grileira, que realizarán pasarrúas pola vila.

Entre as 13:00 e as 14:00 horas celebrarase o obradoiro doce ‘Coas mans na masa’, impartido por Mary Mosteiro, publicista de carreira e pasteleira de profesión e corazón, que imparte cursos de cociña para crianzas. Será no Cantón de San Roque.

Pola tarde, de 17:00 a 18:00 horas, terá lugar unha maridaxe de viños e doces con Martín Ribeirao no Cantón de San Roque.

Dende as 18:30 e ata as 19:30 horas desenvolverase o showcooking ‘Melide en petiscos: saborosa memoria da tradición doce’, a cargo de Manuel Garea, profesor de cociña e pastelaría no CIFP Fraga do Eume, Pazo de Cores (A Baña), catador oficial da IXP Mel de Galicia e embaixador na XXX edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide.

A xornada completarase cun concerto da Banda Grileira ás 18:00 horas na Praza das Coles, antes do peche da feira ás 20:00 horas.

Domingo, 10 de maio

A segunda xornada comezará tamén ás 11:00 horas coa apertura da feira. O horario será pola mañá ata as 14:00 horas e de tarde de 16:30 a 18:00 horas.

Ás 11:30 horas haberá animación de rúa con Froito Novo, o grupo Os da Taberna e a charanga Brassica Rapa, que percorrerán as prazas e rúas da vila.

Ás 12:00 horas terá lugar o nomeamento de embaixadores e o pregón no Cantón de San Roque, un dos momentos centrais da festa.

A programación continuará ás 13:00 horas con máis animación musical, no Cantón de San Roque.

Xa pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase unha actividade infantil cun concerto tributo Lembra Xabarín no Cantón de San Roque.

A feira pechará ás 18:00 horas, mentres que ás 19:00 horas a Praza das Coles acollerá o concerto de Sabela, que porá o broche musical á fin de semana.

 

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *