AD

Arte y Cultura

Miguel Cavadas Docampo gaña o XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

today23 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

O poeta Miguel Cavadas Docampo obtén coa súa obra «himno nacional» o XXXVII Premio de Poesía Lorenzo Baleirón 2024, convocado polo Concello de Dodro.

Dodro 23 de novembro do 2024 – O xurado do certame acordou, por maioría, outorgarlle o galardón a este traballo destacando «A frescura dunha voz poética que nos convida, sen ornamentos e dunha maneira moi honesta, a unha reflexión sobre os distintos xeitos de vivir o desarraigamento, o conflito de identidade que supón abandonar o fogar.

Cunha ollada sensible e crítica a través dunha lírica descarnada e aínda así tenra e un ritmo envolvente desde o primeiro ao último verso. Este poemario ofrécenos dúas visións, un diálogo entre a emigración de antes e de agora, do que significa construírse e medrar lonxe das raíces e do contacto coa caste do apelido. Vivir, case apenas, cun nome de pía por toda bandeira»

Esta edición do premio estivo coordinado pola poeta Silvia Penas e o xurado composto por Lucía Aldao, Manuel López e Samuel Merino xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.

O gañador do XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Miguel Cavadas Docampo, naceu en Vigo en 1996, é escritor, guionista e creador escénico. Estudou filoloxía na USC e despois marchou a Los Ángeles (California) cunha Beca La Caixa para formarse en escrita para o cinema. Os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames como o Mazarelos (2015, 2019), o Xuventude Crea (2019) e o Díaz Jácome (2020).

Coa compañía de creación colectiva Faísca Teatro estreou dúas montaxes premiadas tamén no Xuventude Crea (2017, 2019).

En Estados Unidos foi finalista do prestixioso Paramount Writers Mentoring Program (2022) e formou parte do equipo de guionistas da produtora mexicanoamericana Elefantec Global. Na actualidade compaxina a creación literaria coa súa carreira como guionista autónomo.

O acto oficial de entrega do certame terá lugar o vindeiro, 14 de decembro, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, ás 17.30 h. O poemario gañador, “himno nacional” de Miguel Cavadas Docampo, será publicado no ano 2025, nunha editorial de recoñecido prestixio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%