AD

Actualidad

Millán Mon reivindica desde Arzúa os Camiños de Santiago como “Camiños de Europa”

today13 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • O eurodeputado galego destaca as rutas xacobeas como “unha metáfora de Europa”, cos valores de “perdón e reconciliación, solidariedade, esperanza e unidade na diversidade”

13 de febreiro de 2026. O eurodeputado do Partido Popular de Galicia Francisco Millán Mon reivindicou hoxe desde Arzúa os Camiños de Santiago como “Camiños de Europa”, nun acto conmemorativo polo 40º aniversario da adhesión de España á Unión Europea.

O evento, titulado ‘Entrada de España na UE: un agardado reencontro entre Europa e o Camiño Francés’, foi organizado no albergue de Ribadiso pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e contou coa presenza de numerosos alcaldes e tenentes de alcalde dos once concellos pertencentes a esta entidade, así como do director do Xacobeo do Goberno galego, Ildefonso de la Campa.

Millán Mon, presidente do Intergrupo ‘Patrimonio Cultural Europeo, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas’ na Eurocámara, comezou a súa intervención agradecendo a invitación para participar neste acto, que cualificou de “moi oportuno” dado os estreitos vínculos entre as Rutas Xacobeas e o proceso de integración europea.

O eurodeputado galego subliñou que os Camiños de Santiago son “Camiños de Europa”, tanto pola súa historia como polos valores que encarnan. “Os valores que están na base da peregrinación xacobea son os mesmos que inspiran a construción do proxecto europeo. O Camiño pode entenderse, en certo modo, como unha metáfora de Europa: perdón e reconciliación, solidariedade, esperanza e unidade na diversidade”, afirmou.

A continuación, detívose nos cambios experimentados por España, a Unión Europea e os Camiños de Santiago nos últimos 40 anos.

CONSOLIDACIÓN DO SISTEMA POLÍTICO DEMOCRÁTICO

“España viviu nestas catro décadas unha profunda modernización da súa economía, a consolidación do seu sistema político democrático, a apertura comercial e un salto cualitativo nas súas infraestruturas e servizos. Europa pasou de 6 a 27 Estados membros, profundou no seu proxecto de integración, dotouse do Euro, superou crises como a económica de 2008 ou a pandemia da covid, puxo en marcha os fondos Next Generation e está a reforzar a dimensión da defensa no novo contexto internacional tan complexo”, dixo.

Así mesmo, lembrou as cinco forzas motrices que impulsaron o rexurdimento internacional dos Camiños nos anos oitenta —o labor da Xunta de Galicia; o papel da Igrexa, en especial as visitas papais a Compostela de San Xoán Paulo II; o recoñecemento do Consello de Europa en 1987 como primeiro Itinerario Cultural; a vitalidade do asociacionismo xacobeo; e os nomeamentos da UNESCO como Patrimonio da Humanidade— e destacou que o resultado é evidente: “En 2025 acadouse un récord histórico de máis de 530.000 Compostelas, cunha maioría de peregrinos estranxeiros”.

“Hoxe o Camiño de Santiago pódese dicir un Camiño Global, ponte de unión entre distintos continentes, co seu centro en Compostela”, engadiu Millán Mon.

Por último, tras subliñar a importancia que ten para os concellos galegos do Camiño Francés o ano Xacobeo 2027, prometeu que desde Europa seguirá traballando polas Rutas a Compostela, coa mirada posta tamén no Ano Santo de 2027. “Será unha nova oportunidade para proxectar ao mundo este patrimonio único de todos os galegos, os españois e tamén dos europeos”, concluíu Millán Mon.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *