Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 julio, 2024
O acto de constitución da asociación tivo lugar onte mércores e contou coa participación de 32 veciños e veciñas
18 de xullo de 2024.- O Concello de Frades, xunto a un total de 32 veciños e veciñas, vén de constituír a asociación “Frades Enerxía”. Esta asociación permitirá aos veciños e veciñas unirse para xerar e compartir enerxía renovable, reducindo significativamente os seus custos de enerxía e contribuíndo ao mesmo tempo ao coidado do medio ambiente.
O acto de constitución da asociación tivo lugar na noite de onte mércores no Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira, tras unha nova reunión informativa sobre a nova comunidade enerxética. Unha reunión na que tomaron parte o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa; e os técnicos Francisco Prol Hermida de Flinq e Rodrigo López Piquín de Permae.
“A asociación Frades Enerxía ten como obxectivo principal promover o uso de enerxías renovables e sostibles na comunidade co obxectivo de reducir os custos da enerxía e contribuír ao coidado do medio ambiente”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey, quen remarca que “esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso do Concello de Frades de proporcionar un maior benestar e calidade de vida aos seus veciños e veciñas, ao tempo que fomenta a sostibilidade e a eficiencia enerxética”.
Durante o evento, os técnicos presentaron o proxecto “Frades Enerxía”, debateron os estatutos da asociación e resolveron as dúbidas dos asistentes. Na reunión destacáronse os beneficios futuros que esta comunidade enerxética traerá aos veciños de Frades, entre eles:
Para facilitar a participación dos veciños e veciñas de Frades, lanzarase proximamente unha páxina web onde poderán atopar máis información sobre a asociación e un formulario para asociarse. Para máis información sobre a Asociación «Frades Enerxía» e sobre como participar só é preciso chamar ao teléfono 981 695 567 ou enviar un correo a correo@frades.gal.
Avance do proxecto
A constitución da asociación “Frades Enerxía” é un paso máis no proceso de creación da comunidade enerxética. As previsións do Concello de Frades pasan por que o centro desta comunidade enerxética sexa a instalación fotovoltaica que se instalará no polideportivo de Ponte Carreira e que beneficiará ás instalacións, vivendas e empresas situadas a dous quilómetros á súa redonda. Estes paneis fotovoltaicos, que se colocarán no tellado do pavillón, darán servizo tanto ao propio polideportivo como ao CPI de Ponte Carreira, así como outras instalacións municipais próximas como: o local social de Ponte Carreira, o centro sociocomunitario e incluso á depuradora e potabilizadora, se fose preciso. A maiores, todas as vivendas e empresas emprazadas a dous quilómetros do redor do polideportivo poderán adherirse á comunidade enerxética, o que inclúe tamén todo o núcleo urbano de Ponte Carreira.
Se a experiencia é un éxito, o Concello de Frades non descarta acometer unha segunda comunidade enerxética na parroquia de Abellá, na contorna do polideportivo municipal e o campo de fútbol do Vedral.
Que é unha Comunidade Enerxética?
Unha Comunidade Enerxética é un grupo de persoas, fogares, empresas ou institucións que se unen para xerar, consumir, xestionar e compartir enerxías renovables dunha maneira colaborativa e sostible. Esta enerxía xérase a partir de fontes limpas e sostibles, como paneis solares. Ao compartir a enerxía xerada, os participantes poden reducir as súas facturas de electricidade e diminuír a súa dependencia de fontes de enerxía non renovables.
«Frades enerxía» busca axudar ás familias a facer fronte á factura da luz, xa que pode chegar a producir aforros de ata o 30% da factura enerxética anual ao tempo que axuda á conservación do medio ambiente. O proxecto conta cunha financiación de 15.000 euros procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)