AD

Actualidad

PSdeG e BNG chaman á mobilización deste domingo en Santiago contra Altri

today12 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

O PSdeG e o BNG confirmaron a súa presenza este domingo na manifestación convocada en Santiago de Compostela contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A mobilización, impulsada polas Plataformas en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva, partirá ás 12.00 horas da Alameda e busca expresar o rexeitamento social a un proxecto que ambas formacións consideran unha ameaza ambiental, social e económica para Galicia.

Desde o PSdeG, a secretaria de Organización, Lara Méndez, fixo un chamamento á militancia socialista para sumarse á protesta e participar no que definiu como “un exercicio de dignidade colectiva fronte a un modelo industrial que non responde ás necesidades do país”. Méndez subliñou que o Partido Socialista “estará ao lado da cidadanía e do territorio”, defendendo un desenvolvemento industrial baseado no respecto á saúde pública, á auga, aos montes e á biodiversidade, así como na creación de emprego digno.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou a unha “mobilización masiva” e animou a converter a protesta nunha “marcha de dignidade” para dicir “alto e claro: Altri non, Galiza si”. A líder nacionalista acusou ao Goberno galego de actuar “como comercial da multinacional” e de pretender impoñer “unha bomba ambiental no corazón do rural galego”, hipotecando o futuro da comarca de Arzúa-Ulloa, da ría de Arousa e do conxunto do País.

Ambas formacións coinciden en rexeitar o modelo de megaproxectos industriais promovido pola Xunta e apostan por unha industrialización sostible, compatible coa protección ambiental e co desenvolvemento económico do territorio. Tanto PSdeG como BNG defenden que Galicia precisa unha industria moderna e innovadora, pero non a costa de poñer en risco os recursos naturais nin o emprego ligado ao mar e ao medio rural.

No ámbito institucional, o Grupo Socialista anunciou que levará ao próximo pleno do Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar ao Goberno de Alfonso Rueda a denegar de forma inmediata a autorización da planta de Altri en Palas de Rei, mentres que o BNG insiste en que a decisión de apoiar o proxecto é política e non técnica, e reclama a súa paralización definitiva.

A manifestación deste domingo preséntase, así, como unha nova demostración de forza social e política contra o proxecto de Altri, nun contexto de crecente contestación cidadá e de presión sobre a Xunta para que rexeite de maneira definitiva a macrocelulosa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *