AD

Comarca

Novo acto vandálico contra a campaña contra a violencia machista en Padrón

today25 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

O Concello de Padrón denunciou un novo acto de vandalismo contra un dos sinais colocados nos centros escolares dentro da campaña de sensibilización polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N). Esta acción, que supón o segundo ataque deliberado a estes elementos, amosa a intolerancia e a falta de respecto cara á loita contra a violencia machista.

Os sinais, parte dunha iniciativa do Concello e do CIM Terras de Iria, buscan concienciar sobre a grave realidade que afecta a miles de mulleres. Segundo cifras oficiais, no que vai de ano, 41 mulleres e 8 menores foron asasinados por violencia de xénero en España. «Danar ou arrincar un destes sinais significa ir en contra dos valores de igualdade e respecto que queremos promover como sociedade,» subliñou o goberno local.

Desde o Concello rexeitan rotundamente estes actos, que consideran un ataque non só contra a campaña, senón contra toda a comunidade padronesa comprometida cunha sociedade máis xusta e igualitaria. Ademais, reiteraron o seu compromiso coa sensibilización, asegurando que continuarán coa colocación e reforzo de sinalizacións e outras accións a prol da igualdade.

Finalmente, o Concello de Padrón fixo un chamamento á cidadanía para condenar este tipo de comportamentos e traballar conxuntamente por unha sociedade libre de violencias machistas.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%