Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 marzo, 2026
Padrón.12-3-2026.- Un nome propio feminino destaca este ano na Pascua de Padrón, que se celebra do 27 de marzo ao 12 de abril. Ángela Ríos Martínez, avogada de Extramundi de 24 anos, é a primeira muller que deseña o cartel anunciador dunha das festas máis senlleiras de Galicia e que contarán cun amplo e intenso programa de actos pensado para todos os públicos.
Os cabaliños de Padrón, o tradicional carrusel que forma parte dos recordos da infancia de toda a comarca, son este ano protagonistas do cartel das Festas de Pascua. Ángela Ríos asegura que esta imaxe “é unha forma de volver á memoria colectiva e tamén á miña propia infancia, véndome reflectida eu mesma no cadro”, asegura. Con esta obra, na que traballou durante quince días, Ángela Ríos quere, tamén, “renderlle unha homenaxe á familia Hernaiz”.
A elección desta moza de Extramundi, graduada en Dereito e que cursou un máster en Sevilla para dedicarse profesionalmente á pintura, non é casual. Coa súa escolla, o goberno que preside Anxo Arca reafirma a súa aposta polo talento local e por darlle unha oportunidade ás figuras emerxentes da comarca.
Anxo Arca, acompañado pola concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron o cartel das festas e un amplo programa que inclúe actuacións para todos os públicos. O concerto de 9Louro será un dos atractivos da programación. Este mozo muradán de 22 anos é un dos referentes da música urbana galega e actuará o na praza de Macías o domingo de Pascua (22.00 horas), nunha velada que rematará co espectáculo de DJ Matrek Show no paseo do Espolón, á unha da madrugada.
Nueva Línea, a orquestra canaria que xa escoitaron 40 millóns de persoas nas redes sociais, estará en Padrón o venres de Pascuilla (22.30) e o grupo Assia, o domingo de Pascuilla (23.00 horas).
Como vén sendo tradición, as festas da Pascua xuntarán en Padrón as principais orquestras galegas (Panorama, París de Noia, Olympus, Los Satélites ou La Fórmula) e tamén as agrupacións locais (Unión y Fuerza, Charleston, Dúo Máster e Grupo Atenas).
A música tradicional, coas actuacións dos grupos folclóricos locais, e a das bandas teñen cabida nun cartel que non se esquece da xuventude, coas actuacións dos DJ que programa Open Air.
A Feira Cabalar do domingo de Pascua e a de maquinaria agrícola serán outros dos atractivos para visitar Padrón esta Semana Santa.
As festas rematarán o domingo de Pascuilla coa tradicional xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, co Festival de Bandas Capital do Sar e cunha cita deportiva de primeiro nivel, a Clásica de Pascua, que este ano acada categoría internacional. A proba ciclista trasládase ao Campus Tecnolóxico Cortizo, onde estará situada a saída e a liña de meta, dende o que máis de 150 corredores dos principais equipos farán un percorrido similar ao da Vuelta a España.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)