AD

Destacado

O actor e humorista David Amor chama á mocidade a implicarse na defensa do galego

today18 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O actor, humorista e exdeportista galego participou nunha charla co alumnado do IES Luis Seoane de Pontevedra, onde reflexionou sobre a lingua, a infancia e a súa traxectoria profesional

Redacción, 18 de novembro de 2025.- O coñecido actor, cómico e exxogador de balonmán David Amor protagonizou unha amena e profunda conversa co alumnado do IES Luis Seoane de Pontevedra no marco do programa Fala que fala, emitido por Radio Líder en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua. O encontro, entre risas e reflexións, serviu para repasar a súa traxectoria profesional e persoal, pero tamén para reivindicar o valor da lingua galega e da identidade cultural.

Amor, sempre espontáneo e próximo, compartiu recordos da súa infancia e da súa familia: “Tiven moita sorte, tiven unha infancia moi feliz e iso é a verdadeira sorte que se pode ter”, asegurou. Preguntado polas súas inquedanzas de neno, confesou que “quixen ser moitísimas cousas, desde militar ata toureiro”, e definiuse como “un tipo curioso, que fixo moitas cousas por pura curiosidade”.

O humorista explicou tamén a orixe do seu nome artístico: “Nunha reunión en Televisión de Galicia, Piñeiro dixo: este rapaz ten que ter un nome artístico. E quedou o de David Amor, o defensor do telespectador”. Hoxe, ese nome é sinónimo de simpatía e talento en escenarios e pantallas de toda Galicia.

Durante a entrevista, o artista amosouse especialmente comprometido coa defensa do galego: “Vivimos nun sitio cunha lingua e unha cultura únicas, e é unha pena que as deixemos perder. Houbo un tempo no que falar galego daba vergonza, e agora parece que seguimos igual”. Chamou á responsabilidade da mocidade: “Os mestres fan cousas, pero vós tamén tedes que ter iniciativas. Dous recreos á semana falando galego sería un comezo”.

Entre risas, confesou que o máis duro da súa profesión é “ter paciencia e asumir o non. Na maioría dos castings dinche que non, e hai que saber convivir con iso”. Sobre o seu pasado deportivo, recoñeceu que “deixar o balonmán deume pena, pero o corpo xa non dá para todo”, e lembrou con humor o subcampionato mundial que logrou coa selección: “No momento foi triste, pero agora penso que foi un fito. Casi me tiveron que ir buscar meus pais”.

A charla rematou cunha mensaxe optimista e próxima: “Gústame vir aos centros non para falar de min, senón para que vexades que desde aquí tamén se poden conseguir cousas. Ser adolescente hoxe é difícil, pero se atopades algo que vos guste, loitade por iso”.

Colaboran con esta iniciativa, Dinahosting, Seguridade A1, Daveiga Mariñeiras e Dezasete Media.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *