Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 17 de febreiro de 2025.- O alcalde, Blas García, vén de comunicarse coa Consellería de Infraestruturas para solicitar melloras na estrada AC-544. O tráxico accidente acontecido o pasado 6 de febreiro é recordatorio da necesidade da mellora da seguridade viaria nunha estrada de titularidade autonómica sobre a que se leva informado de graves problemas de seguridade dende o ano 2006 dende asociacións veciñais e Concello de Ames.
Como demostran os escritos datados nos anos 2006, 2007, 2008, 2010, 2018, 2019 e 2024, a asociación de veciños de “Monte do Crego” dirixiuse ao Concello de Ames para dar traslado á Xunta de Galicia da problemática existente na estrada AC-544, en canto á seguridade viaria no tramo Bertamiráns-Negreira. Por outra banda, aprobáronse nos anos 2010, 2020 e 2023 no Pleno, mocións instando á Xunta de Galicia á colocación de pasos peonís elevados, así como outro tipo de melloras de seguridade para viandantes e condutores.
O alcalde explicou que “o paso do tempo fixo patente a existencia dun risco e dun perigo tanto para peóns como para os condutores e condutoras que discorren por esta vía. Esta situación vén sendo denunciada pola veciñanza e polo Concello durante case dúas décadas nas que se levan proposto medidas de control e disuasorias para que os vehículos respecten os límites de velocidade, a execución de infraestruturas como rotondas, para a segura incorporación de vehículos e a construción de pasos de peóns elevados, pasarelas ou pasos soterrados para facilitar a comunicación entre ambos lados da estrada. En canto a esta última proposta quero destacar que é especialmente grave a situación nos núcleos do Portanxil e Reino, nos cales a veciñanza debe cruzar tres carrís nos que os vehículos discorren a alta velocidade para accións cotiás como coller o autobús”.
O alcalde solicitou unha reunión na que se aborden estas eivas da AC-544, no tramo que discorre entre Bertamiráns e Negreira, e se lle de solución a unha problemática que se vén denunciando dende fai case 20 anos por parte de asociacións e Concello. Por outra banda tamén informou en xunta de voceiras que se levará ao pleno ordinario de febreiro unha moción que, no caso de contar co apoio de todos os grupos políticos será transformada en declaración institucional, para instar á Xunta de Galicia a reunirse con Concello e veciñanza para poñerlle punto e final á negra historia da AC-544. Por outra banda dende o grupo de Goberno anunciouse que esta reclamación será elevada ao Parlamento Galego en forma de iniciativa.
Proxecto técnico do ano 2011
En xaneiro do ano 2011 o, por aquel entón, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, respondendo a un escrito do, naquel intre, alcalde de Ames, Carlos Fernández, comunicou que dende a Dirección Xeral de Infraestruturas se estaba a executar a redacción do proxecto técnico para impulsar a execución dun paso superior que permitise o cruce do viario nun punto que dispón de tres carrís. No ano 2025 o Goberno municipal non ten constancia da existencia de dito proxecto.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)