Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O alcalde adianta que “esa partida vaise eliminar porque considero que é unha fonte de problemas e é unha forma de ser máis transparentes e evitar problemas de cara ao futuro tal e como vemos noutros sitios”
28 de novembro de 2025.- O Concello de Lousame elimina as achegas aos grupos políticos municipais. Así o anunciou o alcalde, Esteban Ares García, no pleno ordinario celebrado na noite de onte xoves na que explicou que “para min estas achegas aos grupos políticos municipais, tal e como temos as bases de execución dos orzamentos e os criterios que hai que seguir para xustificalos, considero que son unha fonte de problemas para todo o mundo. E no momento no que estamos e no contexto que nos rodea, eu xa lles adianto que nos Orzamentos de 2026 o Concello de Lousame vai eliminar as achegas aos grupos políticos municipais”.
Esteban Ares explicou que esta medida “vaise traer a este pleno cos orzamentos, pero esa partida vaise eliminar porque considero que é unha fonte de problemas e é tamén unha forma de ser máis transparente e evitar problemas de cara ao futuro tal e como vemos noutros sitios”. De feito, o alcalde fixo o anuncio durante a aprobación da xustificación das achegas dos grupos políticos municipais dos anos 2023 e 2024 e despois de que “todas as facturas non xustificadas xa foran reintegradas, tanto do grupo socialista como do grupo mixto”.
Co reintegro desas facturas non xustificadas inicialmente, e que motivaran a interposición de reparos por parte da Intervención Municipal, ese reparos decaeron e a conta xustificativa quedou a cero. Deste xeito, a xustificación das achegas aos grupos políticos municipais dos anos 2023 e 2024 foi aprobada por unanimidade e sen debate, xa que ningún dos grupos da oposición quixo tomar a palabra nin sobre a aprobación da xustificación nin sobre o anuncio da eliminación das achegas aos grupos políticos municipais a partir de 2026.
Resto da sesión
Esa mesma unanimidade e ausencia de debate mantívose no resto da sesión, na que se aprobou a bonificación do 95% do IBI para aqueles inmobles nos que se desenvolven actividades agrogandeiras do sector primario e unha modificación de crédito de 51.611 euros, por transferencia de créditos entre distintas aplicacións orzamentarias, para o pago de facturas. A sesión comezou coa lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero, lido pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)