Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 noviembre, 2025
Padrón. 19-11-2025.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado da concelleira Mariló Saco, desprazouse esta mañá ao cemiterio de Santa María de Luou, en Teo, para coñecer os traballos de estudo e exhumación que o grupo de investigación Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a realizar nunha fosa da resistencia armada antifranquista.
Durante a intervención estanse a recuperar os restos de catro guerrilleiros, entre os que probablemente se atope Manuel Agrasar Cajaraville, veciño da Matanza (Iria Flavia), así como Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures. Xunto a eles, foron localizados Florentino Menéndez Palacios, de Sama de Langreo, e Vicente López Novo, de Santa Uxía de Ribeira. Todos pertencían á V Agrupación guerrilleira, dirixida por Benigno Andrade, ‘Foucellas’, abatidos o 19 de maio de 1948 durante un enfrontamento en Loureiro (Luou), segundo distintas hipóteses históricas e testemuñas veciñais.
No cemiterio estiveron presentes tamén hoxe o xenro, a neta e a bisneta de Manuel Agrasar Cajaraville, que puideron seguir de cerca o proceso e recibir información directa do equipo investigador.
Durante a visita, Anxo Arca e Mariló Saco coñeceron de preto o proceso de escavación e análise forense de mans de Lucía Santiago, coordinadora en campo e investigadora de Histagra, e de Sergio Sánchez, director da intervención arqueolóxica.
O alcalde resaltou o valor deste achado para preservar a lembranza das persoas ás que lles foi arrebatada a súa vida pola súa orientación ideolóxica, por defender o dereito á liberdade e para devolver ás familias os corpos co respecto que merecen. Destacou tamén a relevancia desta exhumación para Padrón e a contorna, ao recuperar a memoria de posibles veciños que participaron na resistencia antifranquista.
Arca volveu trasladar o apoio de Concello ao grupo investigador e solicitoulle que, unha vez concluída a investigación, poida celebrarse unha conferencia en Padrón para dar a coñecer os achados, situar a intervención no seu contexto histórico e honrar a memoria destas vítimas da represión franquista.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)