AD

Actualidad

O alcalde de Vedra responde ás preguntas da veciñanza nun novo formato de Radio Líder

today8 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, foi o primeiro convidado no novo espazo de Radio Líder Santiago, “O Alcalde Responde”, un formato no que os rexedores contestan ás preguntas formuladas polos seus veciños e veciñas. Durante máis de vinte minutos, o rexedor abordou temas de interese local con sinceridade e detalle, recoñecendo as dificultades e avances do seu goberno municipal.

Un dos asuntos máis repetidos foi o estado das estradas municipais. Martínez admitiu que “hai moitas pistas que necesitan reparación, iso é unha realidade”, pero lembrou o esforzo feito: “Temos unha brigada propia que leva meses asfaltando, e xa hai obras adxudicadas en quente para mellorar outras tantas”. O alcalde comprometeuse a continuar con este plan: “No 2026 e 2027 seguiremos reparando pistas, con axuda da Deputación e da Xunta”.

Sobre as infraestruturas deportivas, destacou que “Vedra fixo un esforzo moi importante nos últimos anos” e que existen “catro ou cinco pistas polideportivas abertas onde se pode practicar fútbol ou baloncesto en calquera momento”. Admitiu, con todo, que “algunhas precisan chapa e pintura”, e non descartou estudar a posibilidade de cubrir algunha no futuro: “Podería valorarse un teito aberto, algo sinxelo”.

Outro tema clave foi o da escola infantil, ante as queixas por falta de prazas. Martínez asegurou que “todas as familias empadroadas en Vedra teñen praza este curso”, aínda que animou a quen teña problemas a acudir directamente á alcaldía: “Seguro que atopamos unha solución”.

En relación aos parques nas escolas unitarias, o alcalde recoñeceu que “hai colexios que precisan ampliar as zonas de xogo” e comprometeuse a seguir mellorando “pouco a pouco, na medida das posibilidades económicas do concello”.

Un dos anuncios máis destacados foi o relativo ao centro de saúde de Vedra, que “leva corenta anos e necesita unha reforma integral”. O rexedor explicou que xa se asinou un convenio coa Xunta e que as obras comezarán “no primeiro semestre de 2026”, con investimento superior aos 600.000 euros. Durante os traballos, o servizo sanitario manterase en casetas anexas ao edificio actual.

Tamén respondeu ás dúbidas sobre a taxa do lixo, explicando que “xa se subiu o ano pasado, pero non o suficiente para cubrir o custo do servizo”. Afirmou que non prevé novas subas, aínda que lembrou que “non hai ningún servizo municipal que cubra o seu custo real” e que o Concello fai “un gran esforzo para manter todos os servizos sen recortar”.

Martínez detallou que Vedra conta con “uns 4.970 habitantes” e un orzamento “duns seis millóns de euros”, e recoñeceu as dificultades de crecemento urbanístico: “A lei do solo de Galicia non nos permite ampliar os núcleos rurais. É unha limitación legal que non depende de nós”, afirmou. “Hai máis de cen vivendas que poderían saír ao mercado, pero moitas familias non as poñen en alugueiro nin en venda”, engadiu.

A entrevista tamén deixou espazo para preguntas máis humanas e sociais, como a dun grupo de veciños de Arxelia que solicitaban clases de español. O alcalde mostrouse receptivo: “Nunca se me pasara pola cabeza, pero tomo nota. Se podemos ofrecer ese servizo, farémolo”.

Martínez pechou o espazo agradecendo a participación veciñal e asegurando que “as portas da alcaldía están sempre abertas”. “A xente pregunta o que lle preocupa, e nós estamos aquí para escoitar e responder”, concluíu.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *