AD

Comarca

O BNG de Ordes demanda melloras na N-550 ao seu paso polo concello

today22 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

Os nacionalistas veñen de rexistrar unha serie de demandas ao “Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible”, en relación a diversas melloras e arranxos que consideran “urxentes na estrada N-550 ao seu paso polo concello de Ordes, amparadas coa recollida de medio milleiro de sinaturas polas nas parroquias de Ardemil, Pereira e Montaos”.

Con respecto á parroquia de Ardemil, desde o BNG demandan “a apertura das vías de servizo pendentes polos núcleos do Canedo, A Piolla e Axás, dado que a súa ausencia diminúe a seguridade viaria na zona, limita as posibilidades de acceso ás parcelas e dificulta a posible segregación de aquelas parcelas que se atopen en solo de núcleo rural”.

Así mesmo para o BNG “resulta necesaria a dotación dun paso subterráneo que permita a comunicación entre os núcleos de Moscoso e A Reboira, posibilitando ao mesmo tempo, efectuar un cambio de sentido nun tramo da estrada que conta con tres carrís de circulación”, considerando por outra banda preciso tamén “que a administración analice a posibilidade de axustar os límites máximos de velocidade en núcleos de poboación con vivendas próximas a estrada, como pode ser o caso de Axás”.

En relación á parroquia de Pereira, o BNG traslada a petición dunha mellora no acceso á mesma ante a “escasa visibilidade existente”, propoñendo “a creación dunha cuña para facilitar a incorporación dos vehículos á N-550 aproveitando a zona xa expropiada”, así como a adopción doutras medidas que a administración competente considere axeitadas “como por exemplo dispor un carril central para efectuar xiros á esquerda, dispor unha rotonda…”.

As peticións do BNG referentes á parroquia de Montaos, radican na procura de solucións “aos recorrentes problemas de circulación de augas pluviais no núcleo da Igrexa, onde adoitan producirse estancamentos de auga”. Ademais, a fronte nacionalista demanda “a instalación de medios de protección axeitados, que minimicen o risco de caída desde a vía de servizo á gabia existente na zona”.

Por outra banda, o BNG aproveita a ocasión para expor ao Ministerio “o moi mal estado de conservación que presenta o firme da estrada N-550 ao seu paso polo concello de Ordes”, instando a “programar a súa axeitada pavimentación de maneira urxente”.

Estas demandas, foron trasladadas ao deputado do BNG no congreso dos deputados, Néstor Rego, co cal o BNG de Ordes prevé manter unha reunión nas vindeiras datas, para amosarlle “in situ” a problemática existente.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *