Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 marzo, 2026
O portavoz nacionalista, Juan David Sixto, sinala que o goberno municipal debe os atrasos pola suba salarial e horas extras de hai máis dun ano
Denuncia o impago de horas extras e a falta de descanso semanal das traballadoras do SAF
Santa Comba, 16 de marzo de 2026.- O responsábel local do BNG de Santa Comba, Juan David Sixto, reclama ao goberno municipal que abone todo o que adebeda ao cadro de persoal, en concreto, os atrasos da suba salarial ademais de horas extras. Sixto cualifica de actitude «irresponsábel» e «discriminatoria coas traballadoras e traballadores» incumprir unha obriga que están a acatar todas as administracións. Denuncia tamén o trato ás traballadoras do SAF que «nin se lle pagan as horas extras acordadas nin sequera teñen o descanso semanal estipulado».
“O alcalde non pode mirar para outro lado mentres o persoal municipal segue sen cobrar o que lle corresponde. Ten a responsabilidade de garantir que o Concello cumpra cos seus compromisos laborais e de poñer solución inmediata a esta situación que leva demasiado tempo prolongándose”, sinala o portavoz nacionalista.
«O goberno de Santa Comba, coma sempre, vai a remolque e, neste caso, as vítimas son as traballadoras e traballadores municipais que ven como o concello continúa sen pagarlles o que lles debe», sinala Juan David Sixto que denuncia que o cadro de persoal sigue sen cobrar os atrasos da suba salarial aprobada polo Goberno central para todas as administracións públicas.
Por outra parte, a «falta de consideración co persoal» que denuncia o BNG afecta de maneira especial ás traballadoras do SAF que continúan sen cobrar as horas extras que se lle adebedan por traballar os sábados, como se acordara en novembro de 2024 e non están a ter o descanso semanal obrigatorio. «Non é de recibo que unha administración pública estea a incumprir a lei en cuestións laborais tan graves como esta. Non respectar o descanso laboral é gravísimo e o goberno municipal de Santa Comba ten que, de maneira inmediata corrixir esta situación», sinala Sixto que esixe tamén que se lles paguen as horas extras por horas a maiores no verán e polo traballo en sábados e festivos, tal como se acordou hai xa máis de un ano.
O portavoz do BNG quixo tamén poñer en valor o labor das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que desenvolven un traballo esencial para moitas persoas maiores e dependentes do municipio. “Estamos a falar dun servizo fundamental para garantir a atención e o coidado de persoas que o precisan e que se sostén grazas ao esforzo e á profesionalidade destas traballadoras. O mínimo que pode facer o Concello é respectar os seus dereitos laborais e cumprir cos acordos alcanzados”, subliña Sixto.
A situación «inxusta e discriminatoria» cos traballadores e traballadoras do Concello afecta a distintos grupos que trasladaron as queixas ao responsábel local nacionalista. «Sabemos que se está a incumprir a lei ao non pagar os atrasos e as horas extras de varios colectivos, entre eles, o da policía local a quen non lle pagan as colaboracións que fan con outros concellos en situacións especiais como feiras e festas cando sabemos que eses concellos si fixeron o pago ao Concello de Santa Comba», sinala o portavoz do BNG.
Reunión da Mesa de Negociación
Juan David Sixto sinala que resulta incomprensíbel que se aplicara a subida salarial nas nóminas e o goberno municipal continúe sen abonar os atrasos. «Estamos a falar dunha subida que é obrigada para todas as administracións públicas e están prexudicando ao persoal de Santa Comba ao non facer efectivo o pagamento», sinala ao tempo que esixe o «pago inmediato» dos atrasos. Reclama tamén do concello a convocatoria a mesa de negociación para desbloquear o tema de acordo coa representación dos traballadores e traballadoras. «O goberno municipal ten que cumprir a lei e atender as demandas lexítimas do persoal que está a ser inxustamente tratado”, apunta Sixto.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)