Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Distintas especialistas participarán no acto que terá lugar o mércores 5 de novembro ás 19.30 na mediateca do Grilo, en Cacheiras
A médica e deputada Iria Carreira destaca a necesidade de «visualizar» desde distintas ópticas esta etapa silenciada do ciclo vital das mulleres
Teo, 03 de novembro de 2025.- Poñer o foco na menopausa para visibilizar esta etapa silenciada do ciclo vital das mulleres desde distintas ópticas é o obxectivo da xornada formativa que o BNG de Teo organiza o próximo mércores día 5 de novembro na mediateca do Grilo ás 19.30 horas. Distintas especialistas participan neste encontro que analizará a menopausa desde disciplinas como as da medicina, ou a fisioterapia.
A médica e deputada no Parlamento Galego, Iria Carreira, a matrona María José Carrete e a fisioterapeuta Iria Rei son as participantes na xornada formativa promovida polo BNG de Teo que busca responder a preguntas, ofrecer pautas e presentar propostas dun tema que en poucas ocasións chega ao espazo público cun formato de acto aberto como o que propón a organización nacionalista.
«As mulleres temos sufrido invisibilización ao longo do tempo, tamén no que se refire á nosa saúde e o noso benestar e esta iniciativa quere contribuír a romper con esta situación nun tema que foi especialmente silenciado», sinala a deputada e médica Iria Carreira.
A xornada quere, desta maneira, botar luz sobre unha etapa do ciclo vital das mulleres e demandar unha maior atención por parte das institucións competentes, de maneira especial, a Xunta de Galicia. A deputada Iria Carreira considera que, até o de agora, a menopausa «ten sido considerada un tema tabú, tense tratado como se fose unha alteración e medicalizado como unha patoloxía cando é unha parte máis da nosa vida que é preciso coñecer, falar dela e compartir experiencias».
Neste sentido, destaca a relevancia e singularidade da actividade organizada polo BNG, aberta ao público, para convocar a mulleres que teñen afondado no tema desde os seus distintos ámbitos de traballo que exporán as súas visións e propostas arredor da menopausa «sacándoa ao espazo público para que as mulleres podamos rachar dunha vez por todas con esa invisibilización constante da nosa saúde» , engade Carreira.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)