Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 junio, 2024
Os seis concelleiros socialistas do Concello de Santiago romperon esta tarde a disciplina de voto marcada pola executiva do partido. A concelleira Mercedes Rosón anunciou que o grupo municipal ía votar a favor da ordenanza para regular os pisos turísticos presentada polo bipartito. A decisión supón un cisma sen precedentes no PSOE de Santiago, despois de que a executiva do partido, liderada por Aitor Bouza, ordenase a abstención.
«A responsabilidade de gobernar é superior ás sinxelas promesas para contentar a todo o mundo. Fomos valentes no 2023 regulando a vivendas de uso turístico. Hoxe volvemos ser valentes, por compromiso e lealdade e votamos a favor dunha ordenanza que é unha medida socialista», asegura Rosón.
Unha clara escición no PSOE compostelán que Aitor Bouza descartaba firmemente hoxe nos micrófonos de Radio Líder Santiago cando foi preguntado pola posibilidade dun sentido de voto contario dos edís socialistas ao mandato do partido. «Non entendo esa pregunta», respondía Bouza á cuestión formulada por Álvaro Veiga. Agora os seis edís poderían ser expulsados do partido.
O Pleno aproba inicialmente o proxecto da Ordenanza que regula a comunicación dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda
O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, deu luz verde esta tarde de forma inicial ao proxecto da Ordenanza que regula a comunicación ao Concello de Santiago de Compostela dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e CA) e do grupo socialista e o voto en contra do grupo popular.
Segundo o concelleiro Iago Lestegás, «esta regulación pretende impulsar o uso residencial do parque dispoñible, para facilitar o acceso á vivenda «digna e adecuada», unha «prioridade deste goberno».
A ordenanza inclúe dous usos: o alugueiro turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano, sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física – entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano-, e tamén o alugueiro turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual. No caso do aluguer turístico por cuartos, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo de Galicia -actualmente está prohibido no Decreto 12/2017-.
O texto tamén detalla a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatibles cos estatutos da comunidade de veciños.
O expediente someterase agora a un trámite de información pública e audiencia de 30 días hábiles. De non haber alegacións á norma, entenderase definitivamente aprobada; se hai alegacións, deberá resolvelas o Pleno e aprobar definitivamente a ordenanza.
Goretti Sanmartín explicou que este texto só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e que en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos establecidos no planeamento vixente. Neste sentido aclarou que os informes xurídicos conclúen que nesta altura non é posible legalizar actividades preexistentes á modificación do PXOM que non fosen expresamente tratados nunha disposición da propia norma naquel momento. Tanto a rexedora como o concelleiro agradeceron o apoio do grupo municipal socialista.
Aprobación da modificación do PXOM no ámbito das escolas de Maxisterio
O Pleno tamén deu luz verde á aprobación inicial da modificación do PXOM núm. 1 no ámbito da OE-6. Xoán XXIII – Universidade. Trala suspensión previa dos actos suxeitos a licenza e comunicación previa nesta parcela catastral ocupada polas antigas Escolas de Maxisterio aprobada na sesión ordinaria de setembro de 2023, o Pleno dá agora un paso máis con esta aprobación inicial, que contou cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e coa abstención do PP.
O obxectivo desta modificación é protexer o valor arquitectónico e ambiental do edificio e de reconsiderar os usos previstos polo planeamento vixente. A ordenanza especial vixente delimita dúas parcelas: unha cualificada como sistema local de equipamento docente (ocupada polo colexio López Ferreiro) e outra de uso hoteleiro que hoxe ocupan as facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación. A recualificación desta última para uso hoteleiro en 2002 foi resultado dun protocolo asinado no ano 1999 entre o Concello, a Xunta de Galicia e a USC para a creación do novo Campus de Ciencias da Saúde, unha ordenanza que despois de 20 anos, o executivo municipal quere «revisar e adaptar ás novas necesidades de interese público e ás actuais demandas de ordenación urbanística da cidade».
O edificio que hoxe alberga o colexio López Ferreiro e as Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación ocupa unha parcela de forma aproximadamente triangular situada na esquina entre a Avenida de Xoán XXIII e a rúa dos Xasmíns, cunha superficie aproximada da parcela de 8.798 m². O conxunto foi proxectado en 1967 por Fernando Moreno Barberá e constitúe un exemplo relevante da arquitectura docente do Movemento Moderno, polo que alberga «elementos dignos de protección».
«Os edís socialistas non tiveron ningunha presión do partido, sí de persoas con intereses nas VUT»
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)