AD

Comarca

O Concello de Ames e a RAG recollen o premio Mil Primaveras

today7 junio, 2025

Fondo
share close
AD

Ames, 7 de xuño de 2025.- Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia desenvolto colaborativamente entre o Concello de Ames, a Real Academia Galega e os once centros educativos públicos amesáns, foi unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras que se entregaron hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os galardóns recoñeceron outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G.

O salón de actos do Pazo de Cultura de Pontevedra acolleu esta mañá a entrega dos VI Premios Mil Primaveras. Este evento contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra. Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e da páxina web milprimaveras.gal. Nesta última páxina pódense consultar en detalle os proxectos recoñecidos nesta edición, xunto coas 28 iniciativas premiadas nas cinco anteriores.

No acto de entrega recoñecéronse os catro proxectos escollidos na edición convocada no pasado outono: Modo galego, actívao!; Brazolinda (unha iniciativa empresarial de creación de xogos de mesa en galego); Galego para peques (un proxecto audiovisual dirixido á primeira infancia); e Vitamina G (unha iniciativa educativa do CEIP Sagrada Familia da Coruña co galego como factor de integración e cohesión social).

Por parte do Concello de Ames asistiron ao acto de entrega dos Premios Mil Primaveras: Blas García, alcalde de Ames, e Carmen Porto, concelleira de Planificación e Xestión Educativa. Por parte da Real Academia Galega acudiu o seu presidente, Henrique Monteagudo, así como Xaquín Loredo e Gabino S. Vázquez Grandío, membros do Seminario de Sociolingüistica da RAG.

Despois de recoller o premio, o alcalde de Ames, Blas García, destacou a importancia da promoción do idioma e a necesidade de abordar a defensa do galego de forma decidida. “Todas as administracións debemos traballar remando na mesma dirección, o galego é patrimonio de todos e todas, é un nexo de unión. Dende Ames temos claro o camiño a seguir e pola nosa parte seguiremos potenciando este tipo de iniciativas. É un privilexio traballar cóbado con cóbado coa RAG polo noso idioma e esperemos que esta colaboración dure moitos ano máis e poida ser replicada noutros concellos galegos. E esperamos tamén que outras administracións tome nota e nos apoien neste propósito”.

Por parte da Real Academia Galega acudiu o seu presidente, Henrique Monteagudo, que expresou a importancia de implicar a unha corporación municipal nun proxecto como o “Modo galego, actívao” pois “a defensa da lingua é labor de todas as institucións e os concellos teñen un papel fundamental pola proximidade á cidadanía”. O presidente precisou que a elección de Ames para este proxecto veu derivada do traballo que viña facendo de defensa da lingua e pola composición sociolingüística do propio concello. Monteagudo destacou tamén a implicación das directivas dos centros sen as cales levar a cabo o proxecto sería moi difícil. “Levamos dende o ano 2021 e temos a vontade de seguir da man do Concello de Ames para seguir prolongando e ampliando este proxecto, que pode ser exportado a outros municipios”.

Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación e dinamización lingüística que se vén desenvolvendo colaborativamente, dende o ano 2021, polo Concello de Ames, a Real Academia Galega e os once centros educativos amesáns de infantil, primaria e secundaria (EEI O Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, EEI de Covas, EEI de Ortoño, EIM A Madalena, EIM O Bosque, IES do Milladoiro e IES de Ames) xunto co monitorado dos servizos complementarios de educación. Ao seu abeiro, deseñáronse, implementáronse e avaliáronse iniciativas orientadas á educación formal e non formal, co obxectivo de activar a lingua galega entre o alumnado e converter os centros de ensino en espazos seguros para o seu uso. No programa participaron arredor de 3.000 alumnos e alumnas e as súas familias, 200 profesores e profesoras e 150 monitores e monitoras. Contou, ademais, coa colaboración das ANPAS municipais.

O acto de entrega de premios estivo conducido por Atenea García, actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Fundou, xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano, a compañía Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Comezou a súa andaina como narradora oral no ano 2016 e na actualidade conta con seis espectáculos en repertorio para público familiar. Combina o seu labor como produtora, creadora e intérprete na compañía Xarope Tulú co seu traballo interpretativo para outras profesionais das artes escénicas. Ademais, forma parte da Asociación Galega de Narración Oral (NOGA).

Trofeo identificativo e diploma

Deste xeito, o Concello de Ames e a RAG recibiron un diploma e un trofeo identificativo dos VI Premios Mil Primaveras (2024), que consiste nunha peza artística elaborada por Coas Mans Artesanía. Este obradoiro de cerámica e vidro fai pezas que responden ao desexo de protexer e valorar o noso patrimonio cultural. A arte rupestre, a arte románica e a paisaxe son os elementos que inspiran moitos dos seus traballos. As cores teñen un protagonismo especial no deseño das pezas. Suxiren vivencias, sentimentos, recordos e sensacións. A través da súa harmonía búscase espertar o sorriso en quen as contemple.

Difusión dos proxectos premiados

Na sección Proxectos premiados da web dos Premios Mil Primaveras están dispoñibles os 32 proxectos escollidos polos xurados das seis edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL pretende que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.

Recoñecemento de proxectos que fomentan o uso da lingua

Os Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pecharon hoxe a súa sexta edición, convocada en 2024, co acto de entrega de galardóns. Estes premios teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal é o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio. Por tanto, os seus obxectivos son:

-Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
-Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
-Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
-Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *