AD

Comarca

O Concello de Padrón consultará á cidadanía sobre a carreira de burros

today22 julio, 2025

Fondo
share close
AD
  • A sondaxe será realizada por unha empresa independente especializada
  • O obxectivo é coñecer realmente a dimensión das posicións ao respecto e adoptar decisións baseadas na vontade maioritaria da cidadanía
  • A enquisa incluirá preguntas sobre a percepción do maltrato animal, continuidade do evento e posibles localizacións

Padrón. 22-7-2025.- O Concello de Padrón impulsará unha consulta cidadá para coñecer a opinión da veciñanza sobre a celebración da tradicional carreira de burros, un evento que forma parte da tradición popular do municipio pero que, nos últimos anos, xera certo rexeitamento nun sector da cidadanía.

A edición deste ano terá lugar fóra da programación oficial das Festas do Santiaguiño do Monte. Neste caso, está organizada pola asociación ABUFA como un acto de homenaxe ao burro fariñeiro, unha figura ligada á historia e identidade galega.

A noticia do seu retorno provocou reaccións públicas contrapostas: mentres unha parte da veciñanza amosa o seu apoio á continuidade da celebración, algunhas voces manifestaron o seu rexeitamento. Entre estas últimas, o grupo municipal do BNG, que expresou a súa oposición ao evento e convocou unha concentración de protesta.

Neste contexto, e co obxectivo de rebaixar a tensión social e tomar decisións baseadas en datos sobre a vontade da cidadanía, o Concello de Padrón contratará os servizos dunha empresa independente especializada para realizar unha enquisa representativa que permita coñecer con rigor a opinión da veciñanza padronesa.

A enquisa, cuxos resultados serán públicos, recollerá cuestións como se a cidadanía considera que a carreira de burros constitúe ou non unha forma de maltrato animal, se está a favor ou en contra da súa continuidade e a preferencia sobre a localización da mesma se esta continúa celebrándose.

Unha vez analizados os datos, o Concello tomará unha decisión sobre a celebración desta actividade nas vindeiras edicións, baseándose nos datos recollidos.

Por outra banda, e coa intención de reforzar as garantías de benestar animal nesta edición organizada por ABUFA, o Concello contratará un veterinario independente que se sumará ao profesional xa disposto pola organización.

O Concello de Padrón reafirma así o seu compromiso cun modelo de xestión baseado no diálogo, a transparencia e a participación da veciñanza en asuntos de interese social e cultural para o municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *