AD

Actualidad

O Concello de Santiago concede a Medalla de Ouro a Tereixa Navaza e Luís Pasín Noya

today1 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

29/02/2024.- O Pleno municipal aprobou esta mañá por unanimidade o outorgamento das Medallas de ouro da cidade a Tareixa Navaza González e a Luís Pasín Liñares; o nomeamento como Fillos predilectos de Santiago a Aurora (Aurichu) Pereira Carballo a título póstumo e de Ezequiel Méndez Vidal; e como Fillos adoptivos a José Porto Buceta e a título póstumo a Manuel Quintáns Suárez. Ademais, o Concello porá o nome de Luis Rial Suárez a unha rúa da cidade e instalará unha placa no seu recordo nun espazo público.

O conxunto da Corporación municipal dá así o seu visto e prace á proposta presentada polo Consello Asesor de Condecoracións, na que se propón a concesións das honras, títulos e distincións a sete figuras relevantes en diferentes ámbitos e cunha vinculación por nacemento ou residencia con Compostela.

Recoñecerase coa Medalla de Ouro de Santiago a Luís Pasín Liñares polo seu labor como «voz veciñal e militante entusiasta da democracia» que o converteu en «memoria do seu barrio de Conxo e memoria activa da cidade de Santiago, e á xornalista Tareixa Navaza por ser «a voz dunha vida que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país» e «comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas».

A pintora Aurora (Aurichu) Pereira Carballo recibirá o título Filla predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico da cidade que compaxinou coa súa militancia política a prol do nacionalismo. Esta honra tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, por unha prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor dun cineclub, productor audiovisual e editor.

Serán nomeados Fillos adoptivos da cidade o sacerdote José Porto Buceta, polo seu «labor encomiable» durante máis de 50 anos como párroco no barrio de Sar «dedicado ás súas veciñas e veciños e, sobre todo, ás mozas e mozos de Sar» a o profesor Manuel Quintáns Suárez a título póstumo, pola súa «laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular».

O Concello tamén colocará unha placa e porá o nome a unha rúa do histórico xornalista Luis Rial Suárez, finado o pasado mes de xaneiro, pola súa ampla traxectoria de máis de 50 anos de xornalismo radiofónico en distintas cadeas.

Recoñecementos do Concello de Santiago

Segundo se recolle no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago, os títulos de Fillo ou Filla predilectos e adoptivos, poderanse outorgar ás persoas «que destacasen polos seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político ou económico, ou por servizos prestados en beneficio da cidade», nadas no Concello de Santiago ou cuxa vida transcorrese maioritariamente no municipio, no caso dos Fillos predilectos, ou que sen naceren no municipio manteñan vínculos persoais con el, no caso dos Fillos adoptivos.

Ao respecto do nomeamento de rúas, o antedito Regulamento dispón que lle corresponde ao Pleno da Corporación «outorgar a vías municipais ou establecementos, centros ou instalacións do Concello de Santiago de Compostela o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo da Corporación, reúnan méritos suficientes, sexa por servizos e actividades especiais realizados a favor da cidade no caso de organismos, institucións ou entidades, ou pola súa relevancia indiscutible no ámbito científico, cultural, artístico, deportivo, social etc, no caso de persoas físicas».

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%