AD

Actualidad

O Concello destina 20.000 € para dinamizar o comercio local en decembro cos ‘Bonos Padrón’

today7 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Distribuiranse 2.000 bonos de 10 euros cada un para compras superiores a 20€ nos establecementos que se sumen á campaña
• Os Bonos Padrón entregaranse fisicamente a partir do 1 de decembro, dándolle preferencia ás persoas empadroadas
• Anxo Arca e Chus Campos presentaron esta iniciativa destinada a fomentar o emprego e dinamizar o comercio padronés
• Toda a información da campaña está dispoñible na web bonospadron.gal

Padrón, 7 de novembro de 2025.– O Concello de Padrón pon en marcha a primeira edición da campaña Bonos Padrón. Padrón ten o que precisas, unha iniciativa coa que o goberno local destina 20.000 euros de fondos propios municipais para apoiar o comercio de proximidade e fomentar o consumo local durante o mes de decembro.

A campaña foi presentada esta mañá polo alcalde, Anxo Arca, e pola concelleira de Comercio e Turismo, Chus Campos, quen explicaron que se repartirán 2.000 bonos de 10 euros de desconto cada un para compras iguais ou superiores aos 20 euros realizadas entre o 1 e o 31 de decembro nos establecementos adheridos.

Prioridade para a veciñanza empadroada
Os Bonos Padrón entregaranse de maneira presencial a partir do 1 de decembro, dando prioridade ás persoas empadroadas no municipio.

Do 1 ao 3 de decembro, as persoas maiores de idade empadroadas en Padrón poderán retirar ata dous bonos por persoa, presentando o seu DNI orixinal. A partir do 4 de decembro, os bonos poderán recollerse tamén por persoas non empadroadas ata esgotar os 2.000 dispoñibles.

O alcalde explicou que “con esta iniciativa queremos dotar de liquidez aos negocios que teñen a súa sede de actividade en Padrón e que son un motor importante do noso desenvolvemento económico”. Engadiu ademais que “os Bonos Padrón complementan outras accións do Concello, como o alumeado de Nadal, co obxectivo de facer de Padrón un punto de atracción para visitantes da comarca e do resto de Galicia”.

Arca destacou tamén que “nesta primeira edición queremos darlle prioridade á veciñanza e ter en conta especialmente ás persoas maiores. Por iso, e para evitar problemas coa brecha dixital, os bonos entregaranse presencialmente na planta baixa da Escola de Música, situada na praza da Igualdade”.

Participación do comercio local

A concelleira de Comercio e Turismo, Chus Campos, explicou que na campaña poden participar “todos os negocios que teñan a súa actividade en Padrón, agás supermercados, grandes superficies e venda ambulante”.

Os establecementos interesados deberán inscribirse entre o 15 e o 25 de novembro na web www.bonospadron.gal, onde atoparán toda a información da campaña. Unha vez adheridos, deberán colocar nun lugar visible do local a imaxe identificadora da campaña.

Campos subliñou que “o obxectivo é que o comercio local se vexa recompensado e que os negocios de Padrón poidan incrementar as súas vendas nunha época de alta actividade como é o Nadal”.

Condicións de uso dos bonos

Cada bono terá un valor de 10 euros e deberá empregarse nun só establecemento para compras iguais ou superiores aos 20 euros, sen posibilidade de troco por diñeiro en efectivo.

En caso de devolución dun produto, o establecemento deberá emitir un vale polo importe íntegro da compra. Os bonos poderán empregarse, entre o 1 e o 31 de decembro, en establecementos comerciais, hostaleiros e de aloxamento adheridos á campaña.

Os comerciantes deberán presentar os bonos recollidos, xunto cos correspondentes tíckets ou facturas, entre o 1 e o 16 de xaneiro de 2026, para que o Concello lles aboe o importe correspondente.

Toda a información da campaña Bonos Padrón está dispoñible na web www.bonospadron.gal, e as bases poden consultarse tamén na sede electrónica do Concello de Padrón.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *