AD

Comarca

O Concello investirá 11 millóns de euros para desenvolver o plan Conecta Ames

today5 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames, Blas García, explicou “dito investimento vaise a repartir en proxectos para os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos núcleos do rural. O que pretendemos é vertebrar o noso concello a través dunha senda que se vai a executar para unir Bertamiráns e O Milladoiro, e vertebrar o rural porque neste plan inclúese a implantación dun sistema de transporte público para unir o rural cos núcleos urbanos. Tamén se inclúe a creación dun novo mercado municipal e de novas zonas verdes, e un proxecto para achegar os servizos de atención á veciñanza ao rural porque se van a mellorar os locais sociais”

Sobre os proxectos dixo “o proxecto que temos máis avanzado é o do mercado municipal que será o primeiro que executaremos, porque xa temos o proxecto técnico feito, e apalabrado coa Xunta de Galicia e coa Deputación da Coruña a colaboración en materia de financiamento. Dos 4,3 millóns de euros que ten que achegar o Concello para chegar ao 11 millóns de euros que contempla este plan, xa teríamos a achega de 2 millóns de euros da Xunta de Galicia e 1 millón da Deputación da Coruña”

Ames, 3 de outubro de 2025.- O Concello de Ames vén de recibir a boa nova de que foi seleccionado dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Deste xeito, a Ames correspóndenlle 6.547.727 euros, que representan o 60% sobre o importe total do Plan Conecta Ames. O 40% restante que ascende a 4.365.151 euros terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial. O investimento total que se vai executar será de 10.912.878 euros. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030.

O plan Conecta Ames recolle catro grandes proxectos, todos eles son proxectos transformadores, cun enfoque de converxencia entre a área de intervención e o resto do municipio. Ademais, son proxectos realistas, maduros e que se poden realizar no prazo previsto. Por último, son integradores, participados e divulgados. No caso do Concello de Ames todas estas premisas cúmprense ao ser proxectos xa incluídos na Axenda Urbana 2030 e que seguen unha estratexia xeral.

O alcalde de Ames, Blas García, explicou “que a través do plan Conecta Ames vanse investir 11 millóns de euros, un investimento moi importante que vai a servir para cambiar o noso concello e ter un concepto distinto do Ames que coñecemos agora mesmo. Nesta ocasión dito investimento vaise a repartir en proxectos para os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos núcleos do rural. O que pretendemos é vertebrar o noso concello a través dunha senda que se vai a executar para unir Bertamiráns e O Milladoiro, e vertebrar o rural porque neste plan inclúese a implantación dun sistema de transporte público para unir o rural cos núcleos urbanos. Vai ser o investimento máis importante que se faga en Ames nos últimos 15 – 20 anos. Tamén se inclúe a creación dun novo mercado municipal e de novas zonas verdes, e un proxecto para achegar os servizos de atención á veciñanza ao rural porque se van a mellorar os locais sociais”.

O rexedor municipal tamén apuntou que “este non é un plan deste goberno, senón que é un plan de toda a Corporación municipal e de todos os veciños e veciñas de Ames, porque naceu da participación na elaboración da Axenda Urbana, un proceso no que se lle deu a correspondente participación aos grupos políticos e á cidadanía. Unha Axenda Urbana da que imos falar nun foro que se vai celebrar na Coruña o 22 de outubro porque nos convidou un Ministerio. Este é un xeito de que se valore o gran traballo feito na elaboración da nosa Axenda Urbana”.

Sobre os proxectos dixo “o proxecto que temos máis avanzado é o do mercado municipal que será o primeiro que executaremos, porque xa temos o proxecto técnico feito, e apalabrado coa Xunta de Galicia e coa Deputación da Coruña a colaboración en materia de financiamento. Dos 4,3 millóns de euros que ten que achegar o Concello para chegar ao 11 millóns de euros que contempla este plan, xa teríamos a achega de 2 millóns de euros da Xunta de Galicia e 1 millón da Deputación da Coruña”.

Proxectos enmarcados nunha estratexia xeral
Deste xeito, na EDIL do Concello de Ames inclúese un primeiro proxecto que se define como a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local que inclúe as seguintes accións: a construción do mercado municipal de abastos, en Bertamiráns, e a rexeneración do espazo exterior; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras de catro hectáreas recuperadas para o cultivo ecolóxico na Condomiña (na contorna fluvial do río Sar); e mailo asesoramento e formación aos produtores.

O segundo proxecto aborda a vertebración do municipio a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma, que inclúe a conexión peonil e ciclista entre O Milladoiro e Bertamiráns (conexión Milladoiro – Biduído de Arriba – Bugallido – Ortoño – Bertamiráns); a recuperación de espazos públicos periurbanos como as rúas Ameixeiras e Juan Bueno Bueno, Bugallido, corredoira de Ortoño, Guimaráns, Buceleiras e Ortoño ata chegar á rúa Alcalde Lorenzo.

A través de dito proxecto tamén se contempla a humanización e reverdecemento do entorno das rúas Estivada de Castelao e Camelias, no Milladoiro, como lugar de arranque da senda; e a humanización e a ordenación da praza de Chavián, en Bertamiráns, como nodo de remate do eixo conector. Por último, preténdese a creación dun corredor verde en Bertamiráns, entre a praza de Chavián e o parque do Ameneiral, así como a recuperación da flora autóctona e dos sendeiros no parque do Ameneiral.

O terceiro proxecto atende á vertebración do municipio a través da implantación dun transporte público, que una de maneira áxil os núcleos de O Milladoiro e Bertamiráns, entre eles e co rural. Para iso preténdese a posta en marcha dunha liña circular de autobús eléctrico entre O Milladoiro e Bertamiráns; a actualización das marquesiñas de transporte público e a dixitalización das mesmas; así como a creación dun sistema de transporte baixo demanda, para facilitar a conexión dos distintos núcleos entre si e cos dous núcleos principais.

O cuarto e último proxecto recolle a creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural e favorecer a centralidade dos núcleos. Trátase de facer unha reforma para a adaptación de usos ás necesidades da poboación nova e maior e da rehabilitación enerxética dos locais sociais das parroquias de Biduído, Ames, Piñeiro e Ortoño. Tamén se contempla a creación de puntos de atención municipal (equipamento dixital e dotación de 5G) e un programa de alfabetización dixital das comunidades; e a posta en marcha dun plan de dinamización dos núcleos, a través da programación de apoio social, loita contra a soidade e fornecemento cultural da man das asociacións municipais, nun marco de fomento da autoxestión.

O plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 10.912.878 euros. De dito importe o Concello de Ames vai sufragar 6.547.727 euros (60%), a través de fondos europeos FEDER da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), mentres que o 40% restante, que ascende a 4.365.151 euros, terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *