AD

Comarca

O Congreso Galego de Bonsái volve a Val do Dubra o 11 e 12 de outubro

today18 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

Val do Dubra, 18 de setembro de 2025 — O vindeiro 11 e 12 de outubro celebrarase en Bembibre (Val do Dubra) Congreso Galego de Bonsái, un encontro de referencia para todos os amantes desta arte. O evento terá lugar no Pavillón Municipal, con entrada gratuíta para todo o público.

Durante dous días, os asistentes poderán gozar dunha ampla programación que inclúe demostracións en directo, conferencias especializadas e o esperado Concurso de Bonsái, con premios en diferentes categorías e recoñecementos especiais.

Entre os participantes no congreso destacados estarán recoñecidos mestres como Pablo Comesaña, Germán Colmenares, David Ruiz e Gabriel Corral, que compartirán a súa experiencia a través de demostracións e charlas.

A xornada do sábado contará tamén co Concurso de Novos Talentos, mentres que o domingo destacarase coa gran demostración conxunta de David Ruiz e Germán Colmenares.

Esta mañá tivo lugar a presentación nas instalacións de Alberto Baleato, veciño de Val do Dubra que rexenta a empresa Kingii que comercializa bonsáis e produtos relacionados co sector e que ademais é parte organizadora do evento. Na presentación participaron tamén o seu pai Manolo Baleato, o alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz e o tenente alcalde, Antonio Negreira.

Alberto Baleato leva desde o ano 2000 formándose (participando en cursos en Madrid, Milán e Xapón) e desde o 2015 comercializando bonsáis (cada semana parten de Bembibre bonsáis cara España e mesmo Europa: Italia, Noruega…), resalta que estes 15 anos de congreso reflicten “a consolidación dun congreso que reunirá exemplares a nivel nacional e incluso con exemplares chegados de Portugal”. Baleato resalta que este sector é “95% agricultura e 5% cultura” e anima a aqueles que queiran iniciarse a informarse e formarse “con persoas que poidan compartir o seu coñecemento, ben a través das asociacións que hai en Galicia ou cos profesionais da técnica”; xa que se trata de “obras inconclusas” que hai que coidar e precisan dedicación. Cada semana hai talleres de balde en Kingii co fin de compartir o coidado e necesidades das especies.

O alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, agradeceu a Alberto Baleato, como promotor deste evento, a súa ”boa disposición e facilidades para volver traer de volta o congreso a Val do Dubra” sinalou que “é unha honra que, despois de anos, o noso municipio volva acoller esta importante cita do bonsái, que une cultura, natureza e que atrae visitantes ao municipio, poñendo en valor o seu potencial e o das empresas locais” e convida a veciños e visitantes a achegarse e gozar da exposición e actividades.

Pola súa parte Antonio Negreira apuntou como “moi positiva” a colaboración entre o concello e a organización poñendo a Val do Dubra como referente dun evento que ”dará a coñecer o municipio e o potencial turístico na contorna de Compostela, ademais de ser inspirador e motivacional para outras persoas que queiran levar a cabo iniciativas en nichos tan específicos e á vez tan creativos como é esta técnica e o cultivo de bonsáis”. Anima a vir ver a mostra dunha técnica que mistura “a natureza coas habilidades humanas para dotar estas especies dunha beleza singular”.

Aberta a inscrición para participar no Concurso de bonsái

A participación no concurso é gratuíta e está aberta a todos os afeccionados. Cada participante pode presentar ata tres composicións, enviando previamente unha fotografía da proposta ao correo kingii1@hotmail.com antes do 20 de setembro. A organización fará unha selección das obras que se exhibirán durante o Congreso.

Establécense tres categorías segundo o tamaño da árbore (ata 25 cm, de 25 a 65 cm e máis de 65 cm —a altura é sempre sen contar a maceta—). As mellores composicións recibirán os Premios Camiño de Santiago, ademais doutros recoñecementos especiais: Premio á composición máis “Divina”, Premio ao mellor bonsái autóctono (patrocinado por Biorend) e Premio do público.

As árbores deberán montarse no recinto o venres 10 de outubro antes das 21.00 h e recollerse o domingo 12 de outubro ás 14.00 h. Cada expositor será responsable do coidado dos seus exemplares durante o Congreso.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *