AD

Actualidad

O Consello Consultivo avala a fin do contrato do centro multifuncional do Milladoiro

today26 mayo, 2024

Background
share close
AD
  • O Concello de Ames procedeu á incautación de avais bancarios por valor de 62.004,21 euros e reclamará danos e perxuízos
  • As causas que motivan a resolución culpable son tanto o incumprimento dos prazos parciais como do prazo final do contrato
  • O alcalde de Ames, Blas García: “Resolto o contrato, faremos un modificado do proxecto e volverá a ser licitado. Por suposto non renunciamos a nada e reclamaremos unha compensación polo perxuízo causado ao Concello de Ames e á súa veciñanza”

A Xunta de Goberno aprobou este xoves, 23 de maio, a resolución do contrato para a execución das obras de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, e desestimou as alegacións presentadas o 28 de febreiro de 2024. Esta decisión foi avalada pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, que por unanimidade dos seus membros informou de xeito favorable a proposta de resolución de dito contrato. Cómpre lembrar que este contrato foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL por un importe de 1.305.453,52 euros. Ademais, procedese a incautación de avais bancarios por valor de 62.004,21 euros, sen prexuízo da posible indemnización que poida recibir o Concello polos danos e prexuízos ocasionados.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “resolto o contrato, faremos un modificado do proxecto e volverá a ser licitado. Por suposto non renunciamos a nada e reclamaremos unha compensación polo perxuízo causado ao Concello de Ames e á súa veciñanza”. O rexedor tamén explicou que este informe do Consello Consultivo de Galicia é tamén un aval ao bo facer dos técnicos e técnicas do Concello de Ames.

Deste xeito, levántase a suspensión acordada na Xunta de Goberno Local do 7 de marzo deste ano sobre a a tramitación do expediente de resolución contractual das obras de construción de dito centro multifuncional. Esta decisión está avalada pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, que por unanimidade dos seus membros informou de xeito favorable a proposta de resolución do contrato asinado o 3 de novembro de 2022 por causa imputable á empresa contratista, así como o contrato modificado o 27 de setembro de 2023.

As causas que motivan a resolución culpable son tanto o incumprimento dos prazos parciais como do prazo final do contrato, dado que á data de finalización do prazo de execución do contrato era o 8 de xaneiro de 2024, e o volume de obra executada é do 39,73% e de obra pendente de executar do 60,27%.

Por outra banda, acordouse citar á empresa contratista, á dirección de obra e á responsable da Administración para que realicen un acto de medición final de obra executada a efectos de liquidación do contrato.

Por último, procédese á incautar e declarar a perdida das garantías constituídas mediante avais bancarios de data 14 de outubro de 2022, por importe de 53.944,36 euros, e en data 8 de setembro de 2023, por importe de 8.059,85 euros, sen prexuízo da indemnización que poida procede a favor do Concello polos danos e prexuízos que esta resolución culpable ocasiónelle e o inicio do expediente de declaración de prohibición para contratar de conformidade co previsto no artigo 71.2.d LCSP.

O novo centro multifuncional do Milladoiro pretende ser un espazo público por dentro e por fóra. Construído baixo parámetros de eficiencia enerxética, funcionará como dinamizador cultural, económico e social, e albergará actividades útiles para a cidadanía, xerando o encontro e a interacción entre a veciñanza. O edificio construirase na avenida Muíño Vello, nunha parcela de 4.669 metros cadrados. Unha ubicación que permitirá acoller as instalacións e amplas áreas verdes con zonas de aparcamento próximas.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%