Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
08/10/2024 Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral galega. O programa de actividades inclúe accións formativas para escolares e profesorado e un certame regueifeiro aberto á improvisación oral de toda a cidadanía.
O Enreguéifate presentou este mediodía as novidades da súa oitava edición. O proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.
A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o rexedor de Ames, José Blas García Piñeiro; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate, quen deu comezo ao acto regueifando, deron a coñecer todos os detalles desta nova edición. Á presentación asistiron, ademais, responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.
«Estamos –apuntou a alcaldesa de Santiago de Compostela– nun gran momento para facer visible e valorar, máis ca nunca, esta parte da nosa tradición, do noso patrimonio inmaterial». Especialmente, tendo en conta que a regueifa, por ser unha das expresións representativas da poesía popular oral, será tamén protagonista das Letras Galegas 2025. Goretti Sanmartín lembrou a figura de cantareiras como Adolfina e Rosa Casás, «grandes improvisadoras, malia non ser a regueifa unha práctica común na súa comarca natal de Ordes»; ou o caso da muxiá Eva Castiñeira, unha das Pandeireteiras de Mens, que foi «a fonte dunha das melodías máis populares da regueifa», gravada por Pablo Quintana á cantareira nunha recollida nos anos 80.
Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema desta oitava edición que dará comezo cun obradoiro de formación para profesorado. Terá lugar o venres, 18 de outubro, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Unha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición desde hoxe e até o 15 de outubro a través da web do Enreguéifate. O obxectivo é que corenta e cinco docentes de toda Galicia coñezan o valor da regueifa como ferramenta didáctica. «Un contido que enriquece a práctica educativa e o desenvolvemento no só cultural, senón tamén emocional, relacional e colectivo do alumnado. E faino, ademais, dun xeito lúdico e inclusivo, dúas das claves do seu éxito», apuntou o alcalde de Ames. Nesa liña, José Blas García Piñeiro expresou o agradecemento das institucións impulsoras a todo o profesorado galego que cada ano «se implica nesta iniciativa da que fan parte fundamental».
Obradoiros escolares para estender o poder magnético da regueifa
Segundo explicou o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, as alumnas e alumnos volven ser os destinatarios principais deste certame Enreguéifate. Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e da ESO de centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas. «Unha aposta decidida por introducir a práctica regueifeira nas aulas, como un xeito de promover a normalización e valorización da nosa lingua», para que as e os escolares «gocen do uso do galego», partindo da premisa de que «o ámbito educativo e cultural é clave para manter vivo o idioma entre as novas xeracións», en palabras de Demetrio Gómez.
Prazo e categorías do certame regueifeiro
Con esta oitava edición do Enreguéifate volve tamén unha das súas citas imprescindibles, o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñibles as bases completas do certame.
As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.
A concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez, apuntou unha das novidades deste ano, no que se ampliarán de seis a oito os premios por cada unha das categorías, a xeral, aberta a calquera persoa; e a escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.
Escrito por Líder Redacción
ames carballo compostela enregueifate pontevedra santiago teo
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)