AD

Comarca

O Entroido de Padrón aumenta a súa dotación e repartirá máis de 6.000 euros en premios

today5 febrero, 2025

Fondo
share close
AD
  • O desfile, que se celebra o sábado 8 de marzo ás 17:00 horas, completará o seu percorrido tradicional
  • A inscrición estará aberta ata o xoves 6 de marzo ás 14:00 horas
  • Na categoría de comparsas/grupos de máis de 20 membros a contía do galardón pasa a ser de 1.200 euros para o primeiro clasificado, 800 euros para o segundo e 600 euros para o terceiro

Padrón. 5-2-2025.- O Concello de Padrón organiza unha nova edición do concurso de disfraces, carrozas e comparsas con motivo do Entroido 2025 que se celebrará o sábado 8 de marzo, coincidindo co sábado de piñata. Este ano, a dotación económica do certame incrementouse en 600 euros, acadando un total de 6.010 euros en premios, fronte aos 5.410 euros da pasada edición.

A participación está aberta a seis categorías diferentes: individual infantil (de 0 a 14 anos), individual adulto (maiores de 14), parella, comparsa/grupo de ata 20 membros, comparsa/grupo de máis de 20 membros e comparsa/grupo local de máis de 10 membros. Ao igual que en anteriores edicións, os menores de idade que concursen deberán estar acompañados por unha persoa adulta durante todo o percorrido.

Maior contía en premios

O aumento na dotación económica céntrase na categoría de comparsas/grupos de máis de 20 membros, na que os premios pasan a ser de 1.200 euros para o primeiro clasificado, 800 euros para o segundo e 600 euros para o terceiro, incrementando en 600 euros a contía total respecto ao 2024. As comparsas maiores de 10 membros do Concello de Padrón (que o 60% dos/das participantes estean empadroados neste concello) percibirán unha gratificación de 100 € mentres que as asociacións e centros educativos do municipio que participen neste concurso como comparsa/grupo percibirán unha gratificación de 200 €. Nas categorías individuais, os premios oscilarán entre 30 e 120 euros.

O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 6 de marzo ás 14:00 horas e poderá realizarse de forma presencial nas oficinas do Centro Social do Concello de Padrón ou a través do correo electrónico cultura@padron.gal, sendo imprescindible recibir confirmación da Concellaría de Festexos para que a inscrición sexa válida.

O xurado estará presidido pola concelleira de Festexos, Chus Campos, e estará formada por un mínimo de catro e un máximo de seis vogais, ademais dunha persoa da Concellería de Cultura que exercerá como secretaria con voz pero sen voto. Entre os criterios de valoración, teranse en conta a orixinalidade dos disfraces, a creatividade, a imaxinación e a posta en escena durante o desfile.

A resolución do xurado farase pública no taboleiro de anuncios do Centro Social e será inapelable.

Percorrido e normativa

O percorrido do desfile manterase sen cambios respecto a anos anteriores. As persoas participantes deberán estar ás 15:30 horas na N-550, á altura da Pensión Restaurante Bar Grilo, para a entrega e colocación dos dorsais. O desfile dará comezo ás 17:00 horas e transcorrerá pola Avenida de Compostela ata a zona das Lágrimas, desviándose cara á Rúa Porta Fondo de Vila e finalizando no Campo do Souto.

O Concello lembra que non se permitirá o consumo de alcohol ou drogas durante o desfile, nin a participación baixo os seus efectos. Así mesmo, a organización resérvase o dereito de descualificación en caso de incumprimento das bases, incluíndo actitudes contrarias á igualdade de xénero ou que inciten á discriminación.

A participación no concurso implica a aceptación das bases e a autorización para a difusión de imaxes dos participantes con fins promocionais. Toda a información e as follas de inscrición están dispoñibles na web municipal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *