Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 5 de xuño de 2025.- Os vindeiros días 4 e 5 de xullo, o Pazo da Peregrina acollerá a VIII edición do festival Ames Jazz. Nesta ocasión, o programa inclúe os concertos dos recoñecidos músicos galegos de Jazz a nivel internacional, Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío. Ademais, haberá unha sesión vermú a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales e o faladoiro “A situación do jazz e da música galega”.
Volverá a soar a música no Pazo da Peregrina a comezos do vindeiro mes de xullo coa celebración da oitava edición do festival Ames Jazz. A principal novidade desta edición será a incorporación na programación dunha sesión vermut durante a xornada do sábado, que se celebrará no local O Transistor. Nesta ocasión, os cabezas de cartel son dous artistas galegos da primeira liña internacional na música Jazz como son Álvaro Vieito e Yago Vázquez.
O festival presentouse esta mañá no propio Pazo da Peregrina, que será o lugar onde se celebrará este evento musical dentro dun mes. Á presentación asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; o director artístico do Ames Jazz, Xacobe Martínez; a produtora do festival, Inés Portela. Tamén se contou cos dous artistas que actuarán na sesión vermú do sábado, Gloria Pavía e Rafa Morales, que interpretaron unha peza musical ao rematar a presentación do festival.
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, destacou que “xa é a oitava edición do Ames Jazz e contamos cunha programación con criterio e visión de futuro. Dentro do departamento estamos dando cabida a un montón de disciplinas artísticas e, dentro da música, intentamos ofertar propostas de distintos estilos musicais”.
Pola súa banda, o director artístico do festival, Xacobe Martínez, subliñou que “levamos con moito orgullo este proxecto, sobre todo porque vemos que ano a ano o público vai medrando. É unha cita que, sen dúbida, forma parte da dos festivais referencia no ámbito do jazz”. Na mesma liña, explicou que “este ano contamos con dous músicos galegos de primeirísimo nivel internacional e que estarán acompañados cada un dos seus tríos titulares, cos que gravan e actúan habitualmente”.
Pechando a rolda de intervencións, o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, resaltou que “Ames vai seguir apostando polo Jazz. A cultura é moi ampla, diversa e variada, polo que temos que dar a oportunidade aos veciños e veciñas do noso concello, e aos da contorna, de poder escoller e ofrecer alternativas para chegar a todos os públicos”. Ademais, quixo resaltar que “pretendemos dar un paso máis e desestacionalizar o jazz ofrecendo propostas en diferentes épocas do ano e, sobre todo, poder saír aos colexios e achegarlle á mocidade este xénero musical”.
Programación do Ames Jazz 2025
O festival dará comezo o venres, día 4, ás 22.00 horas, co concerto de Álvaro Vieito, guitarrista galego afincado en Sevilla dende hai moitos anos e que, a día de hoxe, é todo un referente no mundo do Jazz dentro e fóra da nosa comunidade. O artista está a presentar o seu novo proxecto en formato de trío, no que o público poderá gozar dunha experiencia íntima e
A xornada do sábado comezará a partir das 13.00 horas, coa sesión vermut a cargo do dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales que terá lugar en O Transistor. No seu concerto, interpretarán temas propios pero tamén versionarán outros temas clásicos baixo o seu selo persoal.
Xa pola tarde, ás 20.00 horas, haberá un faladoiro no que se debaterá e falará da situación actual do jazz e da música galega. Estará presentado pola xornalista Ana González, xornalista musical de Praza.gal, e que contará coa participación de; Marta Gómez, xornalista da TVG especializada no sector cultural; Manuel Gutiérrez, pianista de Jazz; e Ánxeles Porto, propietaria do pub de Jazz Borriquita de Belém.
O Ames Jazz poñerá o seu peche final ás 22.00 horas co concerto de Yago Vázquez, pianista vigués que actualmente reside en Nova York e forma parte da primeira fila no mundo do Jazz a nivel internacional. O artista está a presentar o seu novo proxecto, tamén en formato trío, no que deleitará ao público coas súas últimas composicións.
Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión meteorolóxica adversa, tanto os concertos como o faladoiro terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)