AD

Comarca

O Festival Sons de Reis pechará a visita dos Reis Magos ao Pino este luns, 5 de xaneiro

today2 enero, 2026

Fondo
share close
AD

• Os DJs Daviz Expósito, Compota e ToniSalvaje, acompañados polo grupo Nueva Fuerza, encherán de música a carpa climatizada xunto a casa da cultura dende as 20.30 horas

• A segunda edición deste festival comezará tras a recepción oficial dos Reis Magos no polideportivo municipal de Reboredo

• As Súas Maxestades de Oriente percorrerán as parroquias do Pino, comezando en Pereira ás 10.45 horas e rematando en Cebreiro ás 18.30

O Pino. 2-1-2025.- Este luns, 5 de xaneiro, o Concello do Pino acollerá unha das xornadas máis esperadas do Nadal coa tradicional visita dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as parroquias do municipio e culminarán a súa visita coa recepción oficial no polideportivo municipal de Reboredo, ás 19.30 horas. Este día tan especial completarase co Festival Sons de Reis, no que tres DJs e o grupo Nueva Fuerza, animarán á veciñanza a gozar da música dende ás 20.30 horas ata a madrugada.

“Queremos que persoas de todas as idades poidan gozar dun día tan especial como é a véspera de Reis”, asegura o concelleiro de Deportes e Xuventude Borja Castro. “Se a cativada vai estar especialmente motivada coa visita polas parroquias de Melchor, Gaspar e Baltasar, cremos que a mocidade terá tamén o seu momento con este festival”, engade.

O obxectivo é que toda a familia poida participar no festival unha vez que remate a visita dos Reis Magos ao polideportivo de Reboredo. Na carpa climatizada situada entre a casa da cultura e o centro médico, nesta segunda edición do Festival Sons de Reis actuará o DJ Compota (20.30 horas), o grupo Nueva Fuerza (22.00 horas) e o pinchadiscos Daviz Expósito (24.00). Despois dun segundo pase do grupo Nueva Fuerza (01.30 horas) o veciño do Pino DJ ToniSalvaje (03.00 horas) será o encargado de poñerlle o broche de ouro a este Festival Sons de Reis, que rematará sobre as 04.30 da madrugada.

A música disco e latina amenizará unha noite moi especial, “para que persoas de todas as idades e familias gocen mentres agardan que os Reis Magos deixen os agasallos nas súas casas”, indica Borja Castro.

Os Reis Magos polas parroquias

O Pino encherase de maxia dende primeira hora da mañá deste luns, 5 de xaneiro, cando os tres Reis Magos comecen o seu tradicional percorrido polas parroquias do municipio.

Está previsto que a comitiva das Súas Maxestades chegue ás 10:45 horas ao campo de festas de Pereira. Logo continuará o seu percorrido habitual por Santiso (Castrofeito), Gonzar, Medín, Pastor, San Breixo e o resto das parroquias do municipio. Este amplo itinerario está pensado para que nenos e nenas de todas as parroquias saúden aos Reis, conversen con eles e lles entreguen as súas cartas. O percorrido rematará ás 18:30 horas no campo de festas de Cebreiro, asegurando que toda a veciñanza teña a oportunidade de participar.

A partir das 19:30 horas, a atención trasladarase ao polideportivo municipal de Reboredo, onde terá lugar a recepción oficial. Este acto contará cunha completa programación que inclúe animación e inchables para os máis pequenos (xa dende ás 17.30 horas) e a entrega de premios do Concurso de Postais e do II Concurso de Decoración do Nadal.

Ademais, todas as persoas asistentes poderán gozar dun ambiente acolledor con chocolate quente, churros e roscón, que se ofrecerán de forma gratuíta para celebrar a ocasión.

Unha vez que Melchor, Gaspar e Baltasar abandonen o pavillón comezará a segunda edición do Festival Sons de Reis.

 

 

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *