Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 marzo, 2025
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025 – O galego está de moda. Así o afirmou Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, nunha entrevista en Radio Líder Santiago e Radio Líder Rías Altas, onde se abordaron os avances na promoción do idioma e os desafíos pendentes. Segundo García, a lingua galega «recuperou o prestixio perdido e está presente en máis ámbitos que nunca, desde festivais musicais ata plataformas dixitais.»
O responsable de política lingüística puxo en valor o galego como símbolo de identidade cultural e destacou que «nunca antes houbo tantas cancións en galego en festivais, nin películas que acadaran recoñecemento internacional. Hai 15 anos sería impensable ver un tema en galego en Eurovisión ou gañar un gran premio de cine en San Sebastián.»
Porén, advertiu que o uso do galego aínda presenta retos, especialmente no ámbito urbano e entre a mocidade. «Nas cidades e nas áreas periurbanas notamos unha perda do uso do galego entre os máis novos. No rural, en cambio, a situación está máis fortalecida que nunca.»
Un dos grandes protagonistas da entrevista foi ‘Fala que Fala’, un proxecto de Radio Líder en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, que busca fomentar o uso do galego entre a mocidade. A iniciativa leva a radio ás aulas, promovendo a comunicación en galego entre a rapazada e reforzando o seu vínculo coa lingua.
«O proxecto está a ser un éxito porque consegue que o alumnado se implique de maneira activa. Non só aprenden, senón que tamén desfrutan creando contido en galego, que logo se emite en directo», sinalou García.
Ademais, o secretario xeral destacou o impacto positivo da proposta: «Para moitos destes rapaces e rapazas, Fala que Fala será a primeira vez que falen nun medio de comunicación. Isto xéralles unha lembranza que os acompañará toda a vida.»
O programa xa estivo presente no IES Oroso e o vindeiro día 20 de marzo chegará ao Liceo La Paz, en A Coruña. Tamén foron escollidos nesta edición o IES Faro das Lúas en Vilanova de Arousa, o CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro en Carballiño, o IES Ordes e o IES Manuel García Barros en A Estrada. ‘Fala que Fala’ pecharase cunha gran «Festa do Galego» no mes de xuño, un evento no que participarán todos os centros educativos que formaron parte da iniciativa. «Queremos que teñan unha celebración final que reflicta a importancia do galego no seu día a día,» avanzou García.
Outro dos puntos clave da entrevista foi o papel do galego no contexto internacional. Segundo García, a nosa lingua «non só está presente en Galicia, senón tamén en máis de 40 universidades do mundo, dende San Petersburgo ata os Estados Unidos.» Ademais, recordou a súa conexión coa lusofonía: «Temos a sorte de que, falando galego, podemos entendernos cos portugueses. Non todo o mundo ten esa vantaxe.»
O Secretario Xeral da Lingua tamén puxo en valor os cursos de formación, como o Celga, que permite a calquera persoa aprender galego desde calquera parte do mundo. «Cada vez hai máis persoas interesadas en aprender galego, mesmo fóra de Galicia. Iso demostra que a nosa lingua esperta interese e ten futuro.»
O compromiso co galego avanza, pero aínda quedan retos por diante. A clave, segundo García, está na normalización: «Non podemos obrigar a falar unha lingua, pero si podemos crear espazos atractivos onde a xente a use con naturalidade.» E iniciativas como «Fala que Fala» demostran que, con dinamismo e innovación, a lingua galega ten moito que dicir.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
fala que fala galego galicia radio lider secretaría xeral da lingua
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)