Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 enero, 2026
Ames, 8 de xaneiro de 2026.- O Goberno local compareceu na Casa da Cultura do Milladoiro para facer balance da xestión realizada durante o ano 2025 e dar conta das principais liñas de actuación que marcarán o ano 2026 e, por extensión, o tramo final do mandato 2023-2027. O alcalde repasou a actualidade do municipio e respondeu ás preguntas dos medios de comunicación nunha rolda de prensa centrada no seguimento das actuacións máis destacadas do mandato.
O voceiro do grupo de Goberno e concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, foi o encargado de abrir a comparecencia cunha análise da situación política municipal. Fernández reiterou a liña de traballo mantida dende a constitución do Goberno tras as eleccións municipais de 2023, destacando que “somos un goberno de cooperación, que sabe chegar a acordos polo beneficio da veciñanza de Ames, algo que vimos demostrando dende o inicio do mandato”.
Neste senso, puxo en valor a capacidade do Executivo local para acadar consensos tanto cos grupos políticos da Corporación como co conxunto das administracións —Xunta de Galicia, Goberno de España e Deputación da Coruña—, subliñando que “entendemos a política como diálogo e capacidade para ceder”. O voceiro destacou tamén que, ata o momento, o Goberno local sacou adiante todos os puntos resolutivos levados ao Pleno.
Pola súa parte, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, realizou unha valoración da situación económica do Concello, que acadou unha execución total do orzamento de gastos do 82,77 %. Destacou igualmente a elevada execución dos gastos financeiros, cun 96,97 %, o que amosa unha xestión rigorosa e ordenada das finanzas municipais, cun nivel de débeda cero tras a cancelación de todas as operacións de endebedamento.
En palabras de Señorís, “os datos confirman que o Concello de Ames mantén unha situación económica sólida, cun alto nivel de execución nos gastos obrigatorios e unha planificación prudente dos investimentos, sempre coa prioridade posta en garantir servizos públicos de calidade e o interese xeral da veciñanza”. Por último, anunciou que nos próximos días se porá a disposición dos grupos da Corporación un borrador dos orzamentos municipais para seren levados a Pleno á maior brevidade posible.
O alcalde de Ames, Blas García, realizou unha valoración global do ano 2025, salientando cinco liñas de traballo fundamentais que marcaron a acción municipal durante o último ano e que definirán tamén os obxectivos para 2026 e o tramo final do mandato. García comezou a rolda destacando a estabilidade e a solidez do goberno.
En primeiro lugar, destacou a posta en marcha de políticas públicas pioneiras en Galicia, especialmente no ámbito da sustentabilidade e da xestión dos servizos públicos. “Durante este mandato puxemos en marcha iniciativas innovadoras que xa son unha referencia, non só en Galicia senón tamén fóra dela”, afirmou.
Entre estas actuacións salientou o impulso ás comunidades enerxéticas, coa constitución da Asociación Ames Solar, que permitirá desenvolver este modelo no municipio coa colaboración da Deputación da Coruña. “Contamos co compromiso firme da Deputación para facer de Ames un concello piloto desde o que comezar a despregar as comunidades enerxéticas”, explicou.
O alcalde puxo tamén en valor a consolidación da Empresa Pública de Augas de Ames (EPEL), que xa opera a pleno rendemento e realiza investimentos estruturais no ciclo integral da auga. “A humanización do Milladoiro é un bo exemplo: ademais da obra visible en superficie, realizouse un traballo fundamental nas tubaxes que hoxe permite sectorizar o subministro e evitar cortes xerais de auga”, indicou.
Outro dos piares da acción municipal foi o Plan Municipal de Saúde Mental, que continuou atendendo a numerosas persoas do concello e ampliou actuacións como programas para deixar de fumar ou intervencións nos centros educativos. Así mesmo, García destacou o desenvolvemento do Plan de Prevención de Incendios Forestais, con máis de sete anos de traxectoria, que espertou o interese da Xunta de Galicia. “Trasladamos o noso modelo á Xunta, que visitou Ames para coñecer o programa, coa posibilidade de que poida ser estudado e aplicado noutros territorios”, sinalou.
Como segundo gran eixo, o rexedor referiuse á estabilidade institucional e ao diálogo político existente no Concello. “Ames é un concello estable, no que somos capaces de sentarnos, dialogar e chegar a acordos polo ben da veciñanza”, afirmou, agradecendo a actitude colaboradora dos grupos da oposición. Neste senso, lembrou que “todos os asuntos de goberno levados a Pleno durante este mandato foron aprobados”, incluíndo cuestións complexas como a taxa do lixo ou as novas ordenanzas dos servizos de conciliación.
Blas García destacou tamén a boa relación institucional co resto das administracións, en especial coa Xunta de Galicia, que permitiu a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda pública no Milladoiro. Aínda así, recoñeceu a existencia de asuntos pendentes, como a depuradora de Sisalde, Ponte Maceira ou a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, que o Concello retomará con intensidade ao longo de 2026.
No ámbito económico, puxo en valor a boa saúde financeira do Concello, con investimentos históricos e capacidade para seguir impulsando proxectos estratéxicos. “A pesar de non contar con orzamentos en 2025, os datos son moi positivos e permítennos afrontar 2026 con garantías; ademais, este ano Ames contará con orzamentos”, asegurou.
O alcalde salientou tamén as melloras en educación e servizos públicos, coa posta en marcha da Cociña Central de Ames, que permitirá xestionar directamente os comedores dos programas de conciliación e abre a porta, no futuro, a ofrecer servizos de comida a domicilio para persoas maiores que viven soas.
Finalmente, fixo unha mención especial ao impulso ao Milladoiro, principal núcleo de poboación do concello. “A humanización do Milladoiro vai marcar un antes e un despois; é unha obra valente, que custará apreciar no curto prazo, pero que será amplamente valorada no futuro”, afirmou. Xunto a esta actuación, citou o centro multifuncional, o futuro complexo deportivo con piscina municipal, novas zonas de estacionamento, a creación de zonas verdes e a promoción de vivenda pública, cualificada como “unha prioridade irrenunciable”.
Como gran fito, Blas García destacou a concesión de 11 millóns de euros de fondos europeos para o plan Ames Conecta (EDIL). “Este investimento permitirános unir Milladoiro e Bertamiráns mediante rutas peonís, ciclistas e transporte público, sen esquecer o rural, clave para fixar poboación e garantir un desenvolvemento equilibrado do concello”, concluíu.
O Concello de Ames presenta unha situación económica sólida, con aforro neto positivo e débeda cero. A execución orzamentaria acadou o 82,77 % e aprobouse un Plan Económico-Financeiro para garantir o cumprimento das regras fiscais e a sustentabilidade financeira. A empresa pública de augas (EPEL) pechou o seu primeiro exercicio con beneficios e sen débeda. Reforzáronse as políticas de promoción da saúde física e mental e, para 2026, prevese a implantación de axudas para persoas con intolerancias alimentarias. En deportes, máis de 1.300 persoas participan nas escolas deportivas municipais, e para 2026 priorízase a cubrición das pistas deportivas e a licitación do complexo deportivo do Milladoiro.
Ames consolídase como un refuxio cultural, reforzando as axudas ás asociacións culturais e ás comisións de festas. Impúlsanse proxectos estratéxicos como Modo Galego Activo e avánzase na implementación da Axenda Urbana, integrando os fondos EDIL cun investimento de 11 millóns de euros.
Avanzouse no desenvolvemento do futuro polígono empresarial de Bertamiráns e na política de vivenda, concedéndose 64 licenzas para 177 novas vivendas. Cederon á Xunta seis parcelas para 218 vivendas públicas no Milladoiro. Para 2026 prevese ampliar solo urbanizable, iniciar novas urbanizacións, subastar cinco parcelas municipais e avanzar na regulación das VUT.
O 50 % das persoas participantes no programa integrado de emprego lograron inserción laboral. O coworking A Proa conta con 14 proxectos activos e os Bonos Consuma mobilizaron 249.750 euros. Destaca tamén o Mercado de Horta e Artesanía e o servizo de atención cidadá, con máis de 1.400 solicitudes atendidas.
Executouse unha decena de obras de mellora de pavimentos e viarios cun investimento aproximado de 2,5 millóns de euros. A EPEL reinvestiu beneficios por valor de 327.000 euros en 2025 e para 2026 prevese a tramitación de dúas obras maiores por máis de 3 millóns de euros.
Reforzáronse os recursos de atención social, a prevención da exclusión e as políticas de igualdade. O voluntariado municipal continúa a ser un piar fundamental da acción social.
Licítase o servizo de lacería e xestión de colonias felinas, impúlsase Ames Solar e avánzase na protección do patrimonio. Para 2026 prevese crear un ENIL no río Sar, poñer en marcha hortas urbanas e reforzar a sinalización patrimonial.
Destaca a reforma normativa dos servizos de conciliación, a posta en marcha da Cociña Central e a ampliación do súa utilidade para a conciliación vacacional. En mobilidade, desenvólvese un plan de mellora da sinalización e da accesibilidade peonil, con especial atención aos pasos de peóns. Impúlsase tamén o Club da Mocidade e o asociacionismo xuvenil.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)