AD

Comarca

O goberno de Padrón condena os ataques machistas contra a concelleira Chus Campos

today2 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O grupo de goberno do Concello de Padrón fixo público un comunicado no que manifesta o seu apoio á primeira tenente de alcalde e concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, tras sufrir ataques machistas na páxina de Facebook “Acabouse a festa – Padrón”.

Segundo sinalan, este perfil anónimo está dedicado a difundir contidos falsos e a lanzar ataques persoais contra membros do executivo padronés. As críticas tiveron como orixe unha publicación que acusaba á concelleira de utilizar a equipación do Club Ciclista Padronés Cortizo nos seus adestramentos persoais, extremo que foi desmentido pola propia corporación deportiva.

No comunicado, o goberno local tamén trasladou o seu apoio ás mulleres que saíron en defensa de Campos e que, ao facelo, foron igualmente obxecto de insultos e cualificacións de carácter machista.

O executivo municipal advertiu dunha “nova estratexia” da oposición baseada na creación de perfís falsos para intoxicar o debate público e desacreditar aos representantes institucionais e ás súas familias. Ademais, lamentou que este tipo de prácticas coincidan co cambio de liderado no PP de Padrón.

“Este Goberno de progreso seguirá traballando con forza para que Padrón recupere o seu esplendor, defendendo a igualdade, a diversidade, a liberdade e o respecto, pese a quen lle pese”, conclúe a nota.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *