AD

Comarca

O guerrilleiro “O Barbarroxa”, protagonista do Día da Memoria Democrática Padronesa

today10 abril, 2026

Fondo
share close
AD

• O acto organizado polo Concello de Padrón celebrarase o martes 14 de abril ás 18.00 horas no Auditorio Municipal
• Incluirá a entrega do libro ‘Galiza na guerra civil: campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo’

Padrón. 10-4-2026.- O Concello de Padrón celebrará o vindeiro martes 14 de abril a terceira edición do Día da Memoria Democrática Padronesa, unha iniciativa institucional creada para honrar ás vítimas da represión franquista e reivindicar os valores de liberdade, xustiza e memoria histórica.

O acto terá lugar ás 18.00 horas no Auditorio Municipal de Padrón e incluirá unha homenaxe a Manuel Agrasar Cajaraville, coñecido como O Barbarroxa, guerrilleiro antifranquista nado en Padrón arredor do ano 1912 e falecido en Loureiro (Luou, Teo) o 19 de maio de 1948.

Manuel Agrasar Cajaraville formou parte da resistencia antifranquista tras o final da Guerra Civil. Mariñeiro voluntario dende 1935 e tripulante do buque José Luís Díez, incorporouse posteriormente ao exército republicano en Asturias. Tras a derrota republicana foi capturado en setembro de 1939 e xulgado en Xixón por rebelión, sendo condenado a cadea perpetua.

Co paso dos anos integrouse na V Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, liderada polos coñecidos guerrilleiros Benigno Andrade Foucellas e José Remuiñán Barreiro Ricardito.
O 19 de maio de 1948, o grupo foi localizado pola Garda Civil nunha casa en Loureiro (Luou). Tras o incendio da vivenda onde se refuxiaban, Manuel Cajaraville morreu xunto con tres compañeiros -Florentino Menéndez Palacio, Ricardo Fernández Carlés e Vicente López Novo- polos disparos das metralladoras.

A recuperación da memoria

A homenaxe deste ano chega despois dos traballos de estudo e exhumación realizados no cemiterio de Santa María de Luou (Teo) polo grupo de investigación Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) da Universidade de Santiago de Compostela, que permitiron recuperar os restos de catro guerrilleiros da resistencia antifranquista, entre os que podería estar o de Manuel Agrasar.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado pola concelleira Mariló Saco, visitou o pasado mes de novembro o lugar das escavacións para coñecer de primeira man os traballos realizados polo equipo investigador. Durante esa visita destacou a importancia destas actuacións para dignificar a memoria das persoas represaliadas e devolver ás familias os corpos co respecto que merecen, subliñando tamén o valor de recuperar a historia das persoas da contorna que participaron na resistencia antifranquista.

Entrega de libros

Como parte do acto institucional deste ano, as persoas asistentes recibirán tamén un exemplar do libro Galiza na guerra civil: campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo”, obra de Xesús Costa e Xesús Santos, nunha edición revisada e corrixida pola asociación MoradAura.

O Día da Memoria Democrática Padronesa, impulsado polo Concello en 2024, naceu coa vontade de recoñecer ás persoas que sufriron a represión franquista e contribuír á recuperación da memoria histórica da vila.

Con esta terceira edición, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa dignificación das vítimas e coa difusión da historia recente, convidando á veciñanza a participar nun acto colectivo de lembranza e reflexión arredor dos valores democráticos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *