AD

Comarca

O obradoiro de emprego Terras de Iria formou a 15 mozos e mozas en páxinas web

today1 octubre, 2024

Background
share close
AD

Rois. 1-10-2024. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, clausuraron esta mañá o obradoiro de emprego Terras de Iria 2023, no que 15 mozos e mozas de Rois, Padrón e Dodro formáronse durante o último ano na confección e publicación de páxinas web. O obradoiro contou cunha achega da Xunta de máis de 498.000 euros. O traballo feito polo alumnado queda recollido na web 2023.terrasdeiria.com

Na clausura, ademais de Belén do Campo e Ramón Tojo, tamén participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o de Dodro, Xabier Castro, así como o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce.

Ramón Tojo agradeceulle ao alumnado a súa implicación durante este obradoiro. “Sabemos que traballastes arreo e vos formastes nun sector que está en auxe e que cada vez necesita máis profesionais”.  Tojo puxo en valor a colaboración dos tres concellos para poñer en marcha estas iniciativas “que benefician a nosa veciñanza e a xente moza coma vos”, e lembrou que este e o quinto obradoiro de emprego dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos.

Pola súa banda, Belén do Campo, puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía. A delegada da Xunta lembroulle ao alumnado que o certificado de profesionalidade que recibiron “ten validez en toda España” e axudaralles a incorporarse ao mercado laboral.

O alumnado do obradoiro de emprego Xuventude Terras de Iria 2023 desenvolveu traballos como a ampliación da web Coñece Terras de Iria, incorporando percorridos virtuais, creando roteiros en bicicleta polos tres concellos, publicitando a súa actividade comercial e inventariando as instalacións deportivas dos mesmos. Ademais, realizaron un manual explicativo desta páxina web, crearon plans de voo para drons e zonificaron as áreas de fauna e flora de Rois, Padrón e Dodro.  A delegada subliñou a importancia destes traballos que permitirán dar un salto cualitativo a esta web para ofrecer máis e mellores servizos a todos os visitantes que queren achegarse e coñecer estes tres concellos. Estes traballos quedan recollidos na páxina web 2023.terrasdeiria.com

Belén do Campo tamén resaltou que estes obradoiro reforzan a colaboración institucional entre a Xunta e os concellos, e confirmou que os tres concellos de Terras de Iria volverán contar este ano cun novo obradoiro para formar a mozos e mozas de 18 a 30 anos de Rois, Padrón e Dodro grazas a un apoio da Xunta de máis de 411.000 euros. Este obradoiro xa ten preseleccionado ao alumnado participante.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%