Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 junio, 2024
A iniciativa englobará os concertos de María Toro Trío e de Kin García Quinteto, así como a proxección do documental “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band” e o faladoiro “Dende Galicia para o Mundo”
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, sinalou que a programación responde á intención da organización de “facer un cartel paritario a nivel artístico”
O concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García, sinalou “a nosa intención é seguir traballando para que este festival chegue cada vez a máis xente, tratando de atraer a máis público xove”
Ames, 11 de xuño de 2024.– O Pazo da Peregrina acolleu este martes a presentación da VII edición do programa Ames Jazz, que se celebrará os días 5 e 6 de xullo. A iniciativa englobará os concertos de María Toro Trío e de Kin García Quinteto, así como a proxección do documental “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band” e o faladoiro “Dende Galicia para o Mundo”. No acto estiveron presentes o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; o director artístico de Ames Jazz, Xacobe Martínez; e o músico Kin García.
O Ames Jazz volve un ano máis para celebrar a súa sétima edición, e repite formato. Por terceira vez na súa historia, o festival durará dous días, o venres 5 e o sábado 6 de xullo, e conta, ademais de cos habituais concertos, coa proxección dun documental e cun faladoiro sobre jazz.
O Pazo da Peregrina, lugar onde se desenvolverán tanto as actuacións musicais como a proxección do documental, acolleu esta mañá a presentación do programa. Ao acto acudiron o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; o director artístico de Ames Jazz, Xacobe Martínez; e o músico Kin García.
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que esta edición do Ames Jazz “máis ambiciosa que en anos anteriores, agregando un faladoiro temático ás proxeccións e aos concertos”. Ademais, sinalou que a programación responde á intención da organización de “facer un cartel paritario a nivel artístico”.
O director artístico de Ames Jazz, Xacobe Martínez, puxo en valor que “o traballo, o talento e a traxectoria dos artistas que van estar no Ames Jazz garanten que o festival vai ser unha marabilla. A afluencia de anos anteriores demostra que ste tipo de propostas son atractivas para o público”. Ademais, aproveitou para salientar que “o Ames Jazz é un referente para os festivais deste xénero en Galicia e queremos que o siga sendo. Animamos ao público a que veña a desfrutar”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “para min é un pracer presentar este evento, que é dos poucos festivais de jazz en galego, e é un orgullo que se realice en Ames”. Tamén explicou que “a nosa intención é seguir traballando para que este festival chegue cada vez a máis xente, tratando de atraer a máis público xove”. O alcalde aproveitou para agradecer aos responsables da produción do festival e á técnica de Cultura, María Vázquez, a súa implicación na organización, afirmando que “grazas a eles podemos presumir cada ano do Ames Jazz”.
O primeiro dos concertos programados terá lugar o 5 de xullo, e correrá a cargo de María Toro Trío, integrado pola frautista e compositora María Toro, e polos músicos Guillermo Barrón e Adrián Alvarado. Trátase dun proxecto baseado na música flamenca que incorpora a profusión do jazz e doutras músicas populares.
Por outra banda, xa na segunda xornada, a do día 6, actuará o quinteto Kin García. O contrabaixista que lle da nome ao grupo, natural de Noia, é un dos músicos máis representativos do jazz galego e da world-music, cunha longa traxectoria nacional e internacional que no ano 2009 o levou a estar prenominado aos premios Grammy polo seu disco “Atlantic Bridge”. Actualmente compaxina a docencia como profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña na especialidade de jazz, coa súa carreira persoal como intérprete.
García agradeceu ao concello de Ames ao departamento de Cultura que o incluíse neste festival. Así mesmo, explicou que o que presentará neste evento “é un proxecto de fusión, unha mistura de música tradicional galega con ritmos de jazz. Interpretaremos o que chamamos ‘jazz palleiro’”.
Faladoiro e proxección
Ademais, a oferta do festival complétase cun faladoiro sobre jazz e cunha proxección de cinema.
Por unha banda, o sábado 6 de xullo, ás 12:00 horas, terá lugar o faladoiro “Dende Galicia para o mundo”. O coloquio, que se celebrará no pub O Transistor, contará coa participación de Adrián Besada, Aitana Cuétara e Xacobe Martínez Antelo.
Ese mesmo día pola tarde, a proposta é un documental catalán: “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band”. Trátase dunha peza do director Ramón Tort protagonizada pola Sant Andreu Jazz Band. Esta orquestra, dirixida por Joan Chamorro, reúne a nenos e nenas de entre 6 e 18 anos arredor dun repertorio de jazz clásico que enche os auditorios máis importantes dpo país. O filme é unha viaxe da man do director da orquestra, que somerxe ao espectador nun método de ensinanza tan singular como os resultados que xera.
Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión metereolóxica adversa, tanto os concertos como a proxección dos documentais terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)