Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2024
O Pino.29-08-2024.- O Concello do Pino celebra a terceira edición da Festa da Familia Papaventos, que terá lugar o próximo sábado 7 de setembro na área recreativa da Magdalena, en Castrofeito. Esta xornada está especialmente deseñada para ofrecer diversión e entretemento a persoas de todas as idades, cunha ampla variedade de actividades pensadas para que tanto pequenos como maiores gocen dun día inesquecible en contacto coa natureza.
A festa dará comezo ás 12:00 horas cun espazo lúdico aberto a todos os asistentes. Durante toda a xornada, poderanse participar en xogos populares como a carreira de sacos e o tiro de boina, así como nun emocionante concurso de tute. Non faltarán os obradoiros en familia, onde se poderán crear broches de fieltro ou cadros en compañía dun papaventos.
A programación de espectáculos desta edición é especialmente destacada, con propostas para todos os gustos. Galitoon traerá a súa divertida obra The Show Moscón, seguida de Bandullo Azul con Fazulas e o ladrón de Paraugas. O Mago Teto sorprenderá co seu espectáculo Rock ‘N’ Magic, onde mestura maxia e música, mentres que o Circo Expreso 2 con Desastronauts achegará un toque circense que deixará boquiabertos a grandes e pequenos.
A cor e a alegría estarán presentes coa esperada festa Holi, que tinguirá a carballeira de tons vibrantes, así como dunha refrescante festa da escuma ás 19:00 horas, un dos momentos máis agardados do día.
Ademais, como non podía ser doutro xeito, a festa incluirá un tradicional xantar na carballeira, creando un ambiente perfecto para compartir en familia. A partir das 17:00 horas, as familias poderán participar na Factoría de Obradoiros onde se realizarán tatuaxes temporais, tarxetas en forma de papaventos e papaventos feitos con foamy modelable.
A troula non rematará aquí, xa que haberá postos de comida, regalos e moitas sorpresas para os asistentes, garantindo un día cheo de diversión para todos.
A Festa da Familia Papaventos, que se realiza coa colaboración da Deputación da Coruña, é unha cita ineludible para quen desexe gozar dun día de xogos, música, maxia e moito máis, nun ambiente de alegría e convivencia. O Concello do Pino convida a todas as familias a unirse a esta celebración, que xa se consolidou como unha das máis entrañables da comarca.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)