AD

Comarca

O PP de Melide denuncia que o tripartito frea a reparación do peche do colexio A Martagona

today8 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

O Partido Popular de Melide ven de presentar no pasado pleno do 07 de outubro unha moción para instar ao goberno local a que solicite á Consellería de Educación un convenio de cofinanciamento para a reparación do peche perimetral do CEIP A Martagona de Melide, que está impedindo ao alumnado saír ao patio no seu tempo de lecer.

Cómpre recordar que o mantemento e conservación dos centros, tamén dos peches perimetrais, é competencia dos Concellos. Malia isto, dende o PP de Melide puxémonos en contacto coa Consellería de Educación, cuxos responsables se comprometeron a cofinanciar ao 50% xunto co Concello a obra de reparación e substitución íntegra do peche, sempre e cando o Concello, como responsable do mantemento, sexa quen solicite o convenio de colaboración.

Con todo, o tripartito formado por AM, BNG e PSdG votou en contra de dita moción e limitouse a acusar á Xunta das deficiencias que ten o colexio, malia ser competencia municipal o mantemento do mesmo, así como a cargar contra a dirección do propio centro. Nin un só comentario de autocrítica sobre a falla de mantemento do goberno local durante todo este tempo, logo de xa seis anos gobernando.

Dende o PP de Melide considérase que a obsesión do alcalde e do seu goberno por culpar á Xunta de todo o que vai mal é moi pouco produtiva: “É lamentable que cando ten enriba da mesa a proposta da Consellería para cofinanciar a obra de substitución do peche, o alcalde prefira non solicitar o convenio para poder seguir facendo política en contra da Xunta, aínda que esto implique que os nenos e nenas do colexio volvan a saír perxudicados”, sinalan.

O grupo popular seguirá estando a disposición das familias afectadas, traballando ao carón da Consellería de Educación para buscar unha solución firme a esta situación, ao tempo que esixiremos ao goberno local que asuma a súa responsabilidade, adopte unha solución inmediata e se preocupe polo mantemento deste e dos demais centros educativos de Melide.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *