Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 septiembre, 2025
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, vén de manter unha reunión cos veciños do lugar de Corexo na parroquia de Marrozos, que denuncian o total estado de abandono ao que o goberno nacionalista os ten condenados, unha situación que pon en risco mesmo o transporte escolar.
Barcia lamenta que “o goberno local non se moleste nin en respostar ás demandas da veciñanza, que leva agardando desde novembro de 2023, unhas queixas que teñen presentado a través da Liña Verde; con chamadas que seguen sen contestación; ou con peticións de reunións que quedan agochadas”.
“A esta situación de desatención -subliñou a edil popular- súmase, agora, a problemática coa volta á escola, xa que varias familias poderían verse gravemente afectadas se os nacionalistas non actúan de inmediato na poda das árbores e na limpeza da estrada”.
Nerea Barcia remarcou que “a propia empresa de transporte escolar advertiu que, de continuar así, o autobús non poderá circular por esa estrada, o que significaría deixar sen servizo a tres paradas de bus, xa que as ramas das árbores rozan cos cables da luz e reducen a visibilidade, polo que non só dificultan o paso do transporte escolar, senón que tamén supoñen un risco para a seguridade viaria”.
“Deste xeito, -subliñou a popular-, dende o Partido Popular denunciamos este desleixo continuado e reclamámoslle ao goberno local que escoite, dunha vez, á veciñanza de Corexo, que actúe con responsabilidade e adopte, de maneira inmediata, as medidas necesarias para garantir tanto a seguridade, como o servizo público do transporte escolar”.
Escrito por Líder Redacción
corexo denuncia marrozos partido popular politica Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)