Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 agosto, 2025
• O concelleiro popular, Adrián Villa, lamentou o “pasotismo” do BNG respecto a este problema, que foi denunciado o pasado mes de abril no Pleno municipal, e non houbo ningún tipo de actuación
• Villa culpa aos nacionalistas dos dous cortes de auga que se produciron a pasada semana na rúa do Pisón, xa que non tomaron medida algunha, a pesar das numerosas queixas por parte da veciñanza e dos propios populares.
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, responsabiliza ao goberno nacionalista dos problemas de subministro de auga na zona dos Pexigos, concretamente, na rúa do Pisón, onde a pasada semana chegáronse a producir ata dous cortes de auga na mesma xornada.
Os populares, que visitaron esta rúa o pasado mes de marzo ante os reiterados cortes de auga que se rexistraban, denunciaron nos medios e, posteriormente, no Pleno municipal a situación que estaba a vivir a veciñanza deste núcleo da améndoa do casco histórico. Os propios veciños e veciñas interviñeron en dita sesión plenaria para solicitar medidas urxentes.
Desde o Partido Popular de Santiago, “denunciamos o “pasotismo” por parte do BNG que, sendo conscientes do problema, seis meses despois -subliñou-, non levaron a cabo ningún tipo de actuación, co fin de que estas avarías non se volvesen a producir”.
Para Villa, tal e como denunciara naquela ocasión, “non é de recibo que, en pleno século XXI e no centro de Santiago, nos atopemos problemas deste calibre, que veciñas e veciños, día si e día tamén, sufran repentinos e continuos cortes de auga, motivados pola rotura de tubarias”.
O edil popular lembrou que “a veciñanza se puxo en contacto, numerosas veces, co goberno local, para que atopase unha solución, pero os nacionalistas o único que fan son pequenos arranxos, que non son solución de nada, posto que un día tapan un burato nun sitio e ao día seguinte, senón no mesmo día, volve a romper uns metros máis alá”.
Adrián Villa destacou, unha vez máis, que “xa é hora de que o goberno nacionalista poña fin a unha situación caótica e incomprensible para a capital de Galica, sobre todo, porque esta desfeita está a afectar a unha veciñanza que paga os seus impostos e o recibo da auga como outros e non pode facer as tarefas máis esenciais dentro das súa vivendas, co prexuízo que isto lles supón”.
Por último, o concelleiro lembrou que “o goberno nacionalista leva máis dous anos de mandato e os santiagueses seguen sen saber nada do novo contrato para a xestión do servizo municipal da auga, que debe de estar enredado nunha espiral de estudos e, mentres, os principais prexudicados son os cidadáns”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)