Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 abril, 2026
Padrón. 1-4-2026.- Padrón prepárase para vivir a semana grande das Festas de Pascua, que abrirá oficialmente o pregón do xornalista da TVG Terio Carrera o sábado ás nove da noite nun acto presentado por Sara Seco na praza de Macías. A centenaria Feira Cabalar de Pascua e os concursos morfolóxicos no Campo da Barca son o principal atractivo para os amantes dos cabalos. No apartado musical, os concertos de 9Louro, as orquestras Panorama, Olympus e Unión y Fuerza, xunto ao DJ Matrek Show xuntarán milleiros de persoas esta fin de semana na capital do Sar.
A programación deportiva volveu marcar un ano máis o comezo das Festas de Pascua de Padrón, co raid cabalar e os campionatos de tenis, xadrez e fútbol base. Continuará esta semana coa disputa da velada de boxeo no pavillón do Souto (venres, 3) e a Carreira Popular de Pascua, que o sábado celebra a súa 45 edición a partir das 10.30 horas con preto de 700 atletas inscritos de todas as idades.
O xornalista da TVG Terio Carrera será este ano o encargado de pronunciar o pregón oficial dunhas festas pensadas público de todas as idades. O acto comezará o sábado as nove da noite na praza de Macías, presentado pola ticktoker valguesa Sara Seco. A elección do pregoeiro enmárcase nun ano de especial relevancia para o municipio no ámbito deportivo, no que Padrón acolle catro eventos ciclistas de primeiro nivel, consolidándose como a capital galega do ciclismo.
A música tomará o relevo do pregoeiro cos primeiros concertos dunha fin de semana na que as orquestras Olympus e Unión y Fuerza (o sábado) e a Panorama, o mozo muradán 9Louro e o DJ Matek Show (domingo a partir das 21.00 horas) encabezan o cartel.
Feira Cabalar
No marco da programación festiva, o Concello celebrará tamén o domingo 5 de abril unha nova edición da Feira Cabalar da Pascua, que terá lugar no Campo da Barca a partir das 10.00 horas. Trátase dunha cita consolidada que reúne criadores, gandeiros, profesionais do sector e público en xeral arredor do mundo ecuestre.
A feira contará cun amplo programa de concursos morfolóxicos de distintas razas e categorías, entre os que destaca o concurso oficial da XXV Copa Galicia de cabalos e eguas de Pura Raza Galega, así como probas para exemplares cruzados, razas pesadas como percheróns, bretóns e hispano-bretóns, e cabalos de Pura Raza Árabe. Ademais, incluirase un concurso infantil de ponis no que participarán 15 menores.
Este ano están inscritos nos concursos morfolóxicos trece ganderías con 70 cabalos e eguas procedentes de Boqueixón, Brión, A Estrada, Mos, Oza-Cesuras, Vimianzo e Viveiro.
Como un dos principais atractivos da xornada, ás 13.00 horas celebrarase o grande espectáculo de doma da Pascua, protagonizado por El hechizo de la Rosa, distinguido cunha medalla de prata no Salón Internacional do Cabalo (SICAB 2025), a cargo da compañía ecuestre La Magia del Caballo de León. O evento contará tamén coa participación da sección de doma de Alta Escola de Galicia Dragóns de Santiago, pertencente á Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
A feira exposición de maquinaria agrícola, que se inaugura o sábado ás 18.00 horas xunto á gardería municipal; o pasarrúas do grupo folclórico Arreixeira cos Xigantes e Cabezudos (domingo, 12.30) e o concerto da Banda de Música de Padrón (domingo, 13.30 na praza de Macías) completan a programación dunha intensa fin de semana. As Festas de Pascua continuarán cun ampla e variada programación ata o domingo de Pascuilla, o 12 de abril.
Escrito por Líder Redacción
concello de padron feira cabalar festa da pascua padron pregon terio carrera



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)