AD

Actualidad

O PSdeG denuncia a deixadez do bipartito co patrimonio escultórico de Santiago

today10 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Marta Abal critica o estado do conxunto escultórico de Leopoldo Nóvoa en Bonaval e reclama a súa restauración inmediata.
  • A concelleira socialista advirte dun “patrón preocupante” de abandono e falta de mantemento do patrimonio artístico da cidade.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a deixadez do goberno bipartito do BNG e Compostela Aberta co patrimonio escultórico da cidade e reclamou unha actuación inmediata para garantir a súa conservación e posta en valor.

Abal sinalou que o exemplo máis evidente desta situación é o conxunto escultórico de Leopoldo Nóvoa en Bonaval, que “leva xa demasiado tempo con pintadas, nun estado impropio dunha cidade que presume de patrimonio e de cultura”, sen que o goberno municipal fixese nada para a súa limpeza e restauración.

A edil socialista advertiu de que “non estamos ante un feito illado” e lembrou que o grupo socialista xa puxera de manifesto a mesma falta de coidado coa escultura Maternidade, de Buciños, na contorna de Fontiñas. Segundo explicou, o Partido Socialista tivo que reclamar a súa reposición e “só tras moita insistencia foi finalmente reposta en febreiro deste ano”.

Neste contexto, Abal asegurou que “o que estamos vendo é un patrón preocupante: abandono, desleixo e ausencia de actuación diante de elementos que forman parte da memoria urbana e do patrimonio artístico de Santiago”, e criticou que “non se pode falar de defensa da cultura e ao mesmo tempo consentir que o patrimonio escultórico da cidade permaneza deteriorado”.

A concelleira socialista subliñou ademais que “coidar do patrimonio escultórico de Santiago é coidar Compostela”, porque supón “respectar a súa memoria, protexer a súa identidade e conservar aquilo que tamén explica quen somos como cidade”.

Por iso, anunciou que o Grupo Municipal Socialista esixirá no vindeiro pleno “a restauración inmediata do conxunto escultórico de Leopoldo Nóvoa en Bonaval e un compromiso real do goberno municipal co coidado, conservación e posta en valor do patrimonio escultórico de Santiago”.

Abal concluíu lembrando que “coidar o patrimonio non é un xesto accesorio: é unha obriga institucional e unha responsabilidade coa memoria colectiva da cidade”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *