Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 marzo, 2026
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026. O secretario provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, Bernardo Fernández, a deputada socialista no Parlamento de Galicia Patricia Iglesias, e o secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico Aitor Bouza fixeron balance dos dous anos de goberno de Alfonso Rueda e advertiron de que Santiago “perde” coas políticas da Xunta.
Vivenda e educación
Bernardo Fernández advertiu de que os orzamentos da Xunta “quedan en promesas que non se chegan a materializar nin cumprir” e asegurou que “non dan resposta ás necesidades da cidade de Santiago de Compostela e a todos os seus veciños e veciñas”. Fernández advertiu ademais de que esta situación evidencia “a incapacidade do Partido Popular de Santiago para influír na Xunta”.
No ámbito da vivenda, lembrou que a Xunta comprometeu a construción de 8.000 vivendas públicas e advertiu de que “levamos dous anos de lexislatura e tan só se construíron 155”, subliñando que se trata dunha competencia autonómica e que este dato evidencia “o nivel de cumprimento das promesas do Partido Popular coa cidade de Compostela”.
O dirixente socialista referiuse tamén ás carencias en materia educativa e denunciou a falta de profesorado de apoio para garantir a educación inclusiva, nomeadamente especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, unha demanda reiterada das comunidades educativas que, segundo indicou, “a Xunta non está a atender cos feitos”. Neste sentido, puxo como exemplo a situación en centros como o CEIP Monte dos Postes e o CEIP López Ferreiro, onde as familias levan tempo reclamando máis recursos.
Actividade económica e industrial
Pola súa banda, Patricia Iglesias alertou da falta de pulo industrial en Santiago e advertiu de que, tras dous anos de goberno de Rueda, “estamos na casilla de saída” en materia de actividade económica e desenvolvemento industrial. A deputada socialista sinalou que a cidade “vive basicamente da actividade do turismo e do Camiño” e lamentou que continúen os anuncios sen resultados.
Iglesias puxo como exemplo a ampliación do polígono da Sionlla e advertiu de que, pese ás promesas da Xunta, “non hai unha soa parcela dispoñible se quere unha empresa instalarse en Santiago”. Ao seu xuízo, esta situación evidencia a falta de aposta polo solo público industrial e subliñou que, sen esa planificación, resulta “imposible que se instalen empresas na capital de Galicia”. Ademais, insistiu en que “non queremos que Santiago sexa só unha postal nin depender unicamente do turismo”.
Sanidade e infraestruturas
Pola súa parte, Aitor Bouza criticou a “falta de compromiso” da Xunta con Santiago e advertiu de que o balance destes dous anos é “de desgoberno por parte do señor Rueda”. O dirixente socialista puxo o foco no bloqueo do parking do CHUS, lembrando que o compromiso da Xunta “era que ía ser unha realidade” e advertindo de que a día de hoxe “segue absolutamente conxelado”, sen alternativa para as persoas usuarias mentres non se resolve a solución definitiva.
Bouza denunciou tamén o colapso das urxencias hospitalarias e advertiu de que se trata dun problema estrutural, sinalando que “non pode ser que teñamos que esperar 15 días ou tres semanas” para unha cita co médico de cabeceira. Segundo afirmou, o balance das políticas do PP é claro, “Compostela perde” cando se priorizan os intereses partidistas sobre as necesidades da veciñanza.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)