Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 enero, 2026
Bouza advertiu de que a crise da vivenda en Santiago non admite máis demoras e acusou tanto ao goberno municipal do BNG como ao Partido Popular de bloquear medidas efectivas mentres medra a demanda de vivenda pública.
Os socialistas acusan ao goberno de Goretti Sanmartín de incumprir o seu programa electoral en materia de vivenda e de manter Santiago paralizado mentres rexeita activar un banco público municipal para mobilizar as vivendas baleiras.
Dende o PSdeG sinalan ao Partido Popular e ao seu representante en Santiago, Borja Verea, por carecer de propostas reais en política de vivenda e por avalar desde Santiago unha política da Xunta que, segundo denuncian, non está a dar resposta á emerxencia habitacional.
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025. O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, reclamou a creación inmediata dun banco público municipal de vivenda en Santiago de Compostela e instou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, a esixir á Xunta de Galicia a posta en marcha dun banco público galego de alugueiro como resposta urxente á crise de acceso á vivenda.
Bouza advertiu de que a situación actual non admite máis demoras nin escusas entre administracións e denunciou a falta de acción institucional. “Falamos dun problema tanto de ámbito municipal como de ámbito autonómico, que é o tema da vivenda”, sinalou.
O deputado socialista criticou a falta de apoio de PP e BNG ás propostas socialistas no Parlamento para mobilizar a vivenda baleira. Desde o PSdeG amosáronse sorprendidos “pola actitude non do Partido Popular, que é a de sempre, senón do Bloque Nacionalista Galego, non só na súa intervención, senón tamén na súa votación, non apoiando esta proposta”.
Bouza lembrou que a creación dun banco público de vivenda baleira figura no propio programa electoral co que Goretti Sanmartín se presentou ás eleccións municipais, no que “poñía claramente esixir á Xunta a creación dun banco galego de vivenda co obxectivo de administrar e xestionar as vivendas baleiras para poñelas en alugueiro a prezos accesibles”, cuestionando así a coherencia do goberno municipal do BNG.
No ámbito local, Bouza puxo o foco na responsabilidade directa do Concello para actuar de inmediato, “o que queremos hoxe é reclamar á alcaldesa que no ámbito local se faga ese banco público municipal, como se está facendo noutros concellos como Lugo”, sinalou.
No plano autonómico, o deputado socialista cargou contra a política da Xunta de Rueda e do Partido Popular en materia de vivenda, citando o programa Fogar Vivo. “De máis de 500.000 vivendas baleiras en Galicia, este programa moveu supostamente axudas a 239. Esta é a política da Xunta para mobilizar a vivenda baleira. Isto é unha auténtica vergoña”, denunciou. Ademais, cuestionou a falta de alternativas reais do PP, “temos que preguntar cales son as súas solucións, porque a vivenda que prometen só son anuncios de futuro”.
Bouza puxo tamén o foco no aumento da demanda de vivenda pública. “En Santiago de Compostela a demanda aumentou un 45 % en só doce meses”, explicou, mentres que “a nivel galego a cifra supera xa as 28.400 persoas fronte ás 22.000 que había hai escasos meses”. Uns datos que, ao seu xuízo, evidencian que “está moi ben anunciar vivenda pública, pero estes rexistros demostran que non vai ser suficiente coa política que fai a Xunta”.
Desde o PSdeG reclámase así a creación dun banco público municipal de alugueiro en Santiago e esíxese á alcaldesa que cumpra o seu compromiso electoral reclamando á Xunta a posta en marcha dun banco público galego de vivenda. “Queremos facelo agora, porque a día de hoxe non temos vivenda pública e porque as vivendas que se comecen a construír non van estar para xa”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)