AD

Actualidad

O PSOE apoia os orzamentos de Santiago pero advirten que «estarán atentos á execución»

today7 febrero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • O portavoz dos socialistas, Gonzalo Muíños avogou por unha oposición “responsable, útil e construtiva” logo de catro anos de “obstrucionismo”.
  • Defende que se trata dunhas contas “sociais e progresistas” e que inclúen “todos os grandes proxectos que nós puxemos en marcha”: “por coherencia coas nosas ideas e compromiso cos nosos proxectos, votamos a favor”.

 Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024. O Pleno da Corporación deu luz verde este mércores aos orzamentos municipais para o ano 2024 co voto a favor do Grupo Socialista. Un voto favorable que foi chave para que saíran adiante unhas contas que cualifican de “continuistas”: “por coherencia coas nosas ideas e compromiso cos nosos proxectos, votamos a favor”.

Nisto último insistiu o seu portavoz, recalcando que no proxecto que se sometía a aprobación estaban incluídos “practicamente, se non todos, os proxectos que deixamos en marcha no pasado mandato”. Referiuse neste punto ás reurbanizacións de García Lorca (Vite) ou Mallou, tamén á reserva do 3% do orzamento a inversións no rural, “cumprindo co pacto asinado polo alcalde socialista o pasado ano” ou as rehabilitacións dos polideportivos de Vite e Santa Isabel “que contan con fondos europeos, conseguidos tamén no mandato anterior”.

Gonzalo Muíños apelou tamén ao sentimento “de esquerdas e progresista” recalcando que o proxecto de orzamentos contempla un 2,2% destinado a políticas de igualdade, a creación do servizo de asesoramento LGTBIQA+ e un incremento da inversión no Servizo de Axuda no Fogar: “no pasado mandato incrementámolo un 74%, agora súmase un 50% máis”.

“Se alguén pensaba que este grupo ía paralizar o concello durante 4 anos estaba equivocado”

O portavoz dos socialistas avogou por unha política “útil e construtiva” fronte o “ruído e o barullo”. Muíños criticou que haxa partidos que prefiran a confrontación “incluso empregando termos que ás veces non só rompen o decoro político, senón que sobrepasan o mal gusto” e reivindicou a posición dos socialistas fronte “o non por sistema” dos catro anos anteriores”.

Neste sentido amosouse especialmente crítico coa actitude de Sanmartín cando estaba na oposición, lembrándolle que no pleno de orzamentos de 2022, na súa primeira intervención, acusou ao executivo liderado por Sánchez Bugallo naquela época de “chegar tarde”: “aquel pleno foi un 15 de febreiro e hoxe estamos a 7, aquí vemos, de novo, a dobre bara de medir do BNG, que unha cousa é o que di e outra o que fai”.

Muíños acusou a Sanmartín de aplicar “o conto de fai o que eu digo pero non o que eu fago” e puxo o foco nas súas contradicións entre o que dicía na oposición e o que agora fai: “agora traer un proxecto de orzamentos o 7 de febreiro é ser dilixentes antes, aprobalo un 15 de febreiro era ir moi tarde, cuestión de perspectivas supoño” afirmou con ironía.

“Agora hai un grupo municipal na oposición que vela polos intereses de Compostela e comprometido coas veciñas e veciños de Santiago” asegurou o portavoz socialista, recalcando a idea de que “sempre é mellor ter orzamento que non telo”. Unha cuestión que, asegura, “parece obvia pero vostedes [en referencia a CA e BNG] cando estiveron na oposición custoulles entendelo”.

Muíños esforzouse en deixar claro que a postura dos socialistas respondía a unha actitude “coherente” por “non facer o mesmo que criticamos”. Avoga o socialista por traballar de forma construtiva, unha actitude que, recoñece “pode facérselle allea á veciñanza, máis afeita ao ruído político” pero, matiza “é a única forma que temos hoxe de aportar para contribuír a facer Santiago”.

Desde as filas socialistas insisten en que este primeiro voto a favor é un paso para que Santiago “non perda estes catro anos” aínda que, recoñecen, “temos dúbidas de que este grupo sexa quen de xestionar con dilixencia”.

“Non nos importará coincidir co BNG, con CA ou co Partido Popular, o único que nos preocupa é coincidir coas veciñas e veciños de Santiago”

“Grazas aos socialistas, Santiago disporá do orzamento para xestionar o Concello, pero estaremos vixiantes” asegurou o portavoz dos socialistas que se amosou rotundo á hora de fiscalizar o cumprimento do acordo de orzamentos: “estaremos atentos á execución”.

Muíños recalcou ademais que desde o Grupo Socialista reservan “o dereito a propoñer, en calquera momento, novas prioridades ou problemas a solucionar” xa que, explica, “sempre nos atoparán aí, e non nos importará coincidir co BNG, CA ou co Partido Popular, porque o único que nos preocupa é coincidir co que demandan as veciñas e veciños de Santiago”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%