AD

Actualidad

O PSOE compostelán esixe o cumprimento dos acordos plenarios

today23 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • Lembran que se trata dunha proposta que a propia Goretti Sanmatín demandou en febreiro do 2020: “xa nos estraña que, despois de 9 meses de goberno, non puxese en práctica o que ela mesma demandaba”
  • Poñen como exemplo de propostas respaldadas por unha maioría da Corporación a eliminación da zona ORA en Santa Marta, melloras no asfaltado de San Lourenzo e Carme de Abaixo ou actuacións en Rial de Conxo
  • O texto inclúe ademais a apertura dun espazo na web municipal para facer seguimento dos asuntos aprobados no Pleno e a emisión por streaming das roldas de prensa da Xunta de Goberno e dos voceiros municipais

Os socialistas proporán no vindeiro pleno a inclusión cada trimestre, na sesión ordinaria correspondente, de un punto na orde do día para dar conta do seguimento das iniciativas aprobadas e das xestións realizadas para a súa execución. Con esta medida, o grupo socialista busca “favorecer a democratización na toma de decisións” e fomentar “que se cumpra o que se acorda”. Unha iniciativa que, lembran, xa defendeu a alcaldesa na súa época de oposición, en febreiro de 2020: “agora tocaralle poñerse fronte o espello e mostrarlle á veciñanza de Compostela ata onde chega a súa coherencia”.

O portavoz dos socialistas, Gonzalo Muíños, tirou da hemeroteca para recordarlle a Sanmartín defendeu que foi ela mesma a que asegurou que “as iniciativas que se aproban con un respaldo maioritario da Corporación, deben levarse adiante”, incluso cando o goberno non as respalde porque, o contrario, “suporía un baleirado do contido do Pleno”.

“Xa nos estraña que despois de 9 meses no goberno non puxese en práctica o que ela mesma pediu ao anterior executivo hai catro anos” replicou Muíños tirando de retranca, que denunciou a actitude do goberno bipartito: “parece que, con absterse, xa se desentenden dos acordos plenarios”. Así, o edil socialista asegurou estar “convencido” de que “se ela -Sanmartín- estivera na oposición e vise a un goberno que desoe o sentir maioritario das e dos representantes da cidadanía poría o grito no ceo”.

“Resístome a pensar que a señora Sanmartín puidese cambiar tanto de parecer desde que ten o bastón de mando”

Apelando á coherencia do actual equipo de goberno -CA tamén respaldara esta proposta cando foi debatida en febreiro do 2020-, o tamén socialista Sindo Guinarte destacou que esta iniciativa “rescata o espírito da señora Sanmartín, de cando era portavoz da oposición”. Guinarte lembra que esta cuestión, o cumprimento dos acordos plenarios, foi unha das bandeiras que enarborou a actual rexedora, “pero neste primeiro ano de mandato deveu esquecelo”. Un esquecemento “non sabemos se intencionadamente ou non” pero que contan en que se corrixa a partir do pleno de este mércores.

“Queremos saber se vai respectar o mandato do pleno, é dicir, o que ela entendía que era democracia, ou non” afirma con rotundidade Guinarte que cita como exemplos de acordos plenarios apoiados pola maioría da Corporación a eliminación da zona ORA en Santa Marta -no mes de marzo-, a realización de actuacións de mellora no ámbito de San Lourenzo e o Carme de Abaixo -en xaneiro- ou o mantemento do aparcadoiro en superficie entre a Avenida de Ferrol e Doutor Maceira -tamén de xaneiro-. Tamén a ampliación do parking en Al8boia.

A proposta dos socialistas inclúe ademais dúas das iniciativas que a alcaldesa defendera no seu momento ao solicitar a creación dun espazo web para facer seguimento dos asuntos aprobados no pleno, “para que calquera veciña ou veciño poida saber se unha moción foi aprobada e en que situación administrativa está”. Tamén a recuperación da emisión por streaming da rolda de prensa dos asuntos da Xunta de Goberno, así como as das e dos portavoces dos grupos municipais para “como dixo a propia alcaldesa, que a cidadanía poida coñecer de primeira man información de relevancia”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%