Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 octubre, 2025
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes de outubro unha moción para reclamar unha regulación municipal das áreas de autocaravanas e para instar á Xunta de Galicia a modificar a Lei de Turismo de Galicia co fin de incluír estes espazos entre os establecementos aos que se lles poida aplicar a taxa turística.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que “nos últimos anos estase producindo un incremento evidente do turismo de autocaravanas e tamén un incremento evidente das correspondentes áreas de acollida”. Segundo explicou, a Lei de Turismo de Galicia denomínaas así e “non as considera como establecementos turísticos, malia que na práctica moitas destas áreas funcionan como cámpings encubertos”.
O fenómeno do turismo de autocaravanas experimentou un notable crecemento en Galicia e tamén en Santiago, pero a cidade carece na actualidade dunha ordenanza municipal que regule o funcionamento destas áreas nin mecanismos de control específicos. Esta falta de regulamento, segundo indican as e os socialistas, pode conducir a que moitas áreas acaben funcionando como cámpings encubertos fóra dun marco de seguridade, legalidade e convivencia co resto do sector e da cidade.
Guinarte subliñou que, ao non seren considerados establecementos turísticos, “non é posible aplicarlle na actualidade a taxa turística”, o que deixa estes espazos fóra dun sistema que, segundo o voceiro, contribúe a avanzar cara un modelo de turismo máis sostible e equilibrado.
A moción que o grupo socialista presentará no Pleno inclúe dous obxectivos principais. En primeiro lugar, “que o Consello aprobe unha ordenanza municipal que regule estes espazos para que non sexan un problema de seguridade e de convivencia e non sexan tamén unha competencia desleal dos cámpings”. En segundo lugar, “que a Xunta de Galicia modifique a Lei de Turismo de Galicia para que eses espazos, como acontece noutras comunidades autónomas, sexan considerados asimilados a establecementos turísticos e, por tanto, desexe aplicarlle a taxa turística”.
Dende o grupo municipal sosteñen que esta proposta pretende dotar o Concello das ferramentas necesarias para ordenar un fenómeno en crecemento, garantir a igualdade de condicións entre os distintos sectores turísticos e avanzar cara a unha política turística xusta e sostible.
Guinarte concluíu explicando que “son dous obxectivos que pretenden garantir unha regulación deses espazos cara un turismo sostible, un turismo no que todos os intervintes estean en igualdade de condicións”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)