Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 marzo, 2026
Os Socialistas de Oroso fixeron público un comunicado no que amosan a súa preocupación polos comentarios xurdidos nas redes sociais, reafirmando o seu compromiso co diálogo e a confrontación de ideas desde o respecto. A organización subliña que seguirá traballando nesta liña, tendo en conta e valorando todos os puntos de vista.
Con todo, advirten de que non van tolerar “insultos, inxurias, calumnias nin comentarios ofensivos”. Neste sentido, anuncian que a partir de agora porán en coñecemento da Garda Civil calquera contido deste tipo, coa correspondente denuncia, para que se adopten as medidas oportunas. Ademais, fan un chamamento á responsabilidade no uso das redes sociais e animan a quen dispoña de probas sobre acusacións vertidas a acudir ás instancias correspondentes coa documentación pertinente.
Na mesma liña pronunciouse hai poucos días o alcalde de Ames, Blas García, quen nunha recente entrevista en Radio Líder Santiago mostrou a súa firme posición ante o aumento de perfís falsos e ataques persoais nas redes. O rexedor cualificou estas prácticas de graves e anunciou accións legais contra varios usuarios. “Non podemos permitir as faltas de respecto nin as calumnias”, afirmou, incidindo en que este tipo de comportamentos poden constituír un delito.
García tamén expresou a súa preocupación polo clima de crispación e pola falta de apoio institucional fronte a estas situacións. “Debemos denunciar isto, é a nosa obriga”, sinalou, ao tempo que fixo un chamamento á unidade de todas as forzas políticas para facer fronte a este problema.
Así mesmo, o alcalde diferenciou entre a crítica política e os ataques persoais. Segundo indicou, a primeira é necesaria e mesmo positiva, mentres que a segunda traspasa límites inaceptables. “A crítica non me importa, incluso me gusta, pero hai límites que non se poden cruzar”, concluíu.
Ambas posturas poñen o foco nun debate cada vez máis presente: o uso responsable das redes sociais e a necesidade de garantir un espazo público dixital baseado no respecto mutuo.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)