Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 julio, 2025
A concelleira socialista, Marta Abal, alerta do bloqueo no pagamento de facturas do servizo de transporte público e que supón máis de 5 millóns de euros pendentes.
O Grupo Municipal Socialista denuncia a inacción do goberno de Goretti Sanmartín ante a grave situación do contrato de transporte público en Santiago.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025. O Grupo Municipal Socialista expresa a súa profunda preocupación pola situación insostible que atravesa o servizo de transporte público na cidade, concretamente pola falta de pagamento de facturas que ascenden xa a 5,5 millóns de euros.
A concelleira socialista Marta Abal alerta de que tras estas facturas “non só existe un servizo público prestado, senón que hai traballadores, familias e empresas que dependen destes pagos para a súa estabilidade”. A situación actual podería derivar na paralización do servizo e en consecuencias directas sobre os salarios do persoal que o sostén.
Desde o PSdeG critícase con contundencia a posición do Partido Popular e dos concelleiros e concelleiras que están a impedir o pago por un servizo xa realizado, cualificándoa de “irracional e sen xustificación”. Tal e como lembra Abal, “no pasado permitiuse a validación en pleno de facturas con idéntico obxecto”.
Para as e os socialistas, o pagamento por un servizo público xa prestado, así como a garantía de que familias e traballadores/as poidan cobrar os seus salarios, deben quedar fóra de calquera tipo de negociación ou condicionamento político. “A veciñanza compostelá non se merece esta situación”, subliñan.
Ante esta realidade, o PSdeG esixe ao goberno de Goretti Sanmartín que poña fin á situación de incerteza que rodea o contrato de transporte e que despolitice un servizo esencial como é o da mobilidade urbana.
“É máis necesario que nunca que o goberno da Sra. Sanmartín faga os deberes e poña fin dunha vez a esta situación de interinidade do contrato de transporte”, insiste Abal.
O Grupo Socialista reafirma o seu compromiso firme coa veciñanza de Compostela, lembrando que sempre advertiron da necesidade de regularizar o contrato, pero sen deixar de pagar os servizos xa realizados. “A nosa postura vai a ser a que sempre defendemos con coherencia e pensando ante todo nas veciñas e veciños de Compostela”, conclúe Marta Abal.
Escrito por Líder Redacción
autobuses urbanos denuncia politica psoe Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)