Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 octubre, 2025
O voceiro municipal do PP e deputado autonómico, Borja Verea, asegurou nunha entrevista este mércores en Radio Líder Santiago que continúa traballando “con luz e taquígrafos” para lograr unha moción de censura que permita un cambio de goberno en Compostela.
“Se por min fose, mañá mesmo presentaba a moción de censura”, afirmou con rotundidade, aínda que matizou que “a lei obriga a ter asinados os apoios antes de rexistrala”.
Verea denunciou que a cidade vive “un colapso e unha deixadez absoluta” baixo o executivo liderado por Goretti Sanmartín (BNG) e apoiado por Compostela Aberta, cualificando o actual goberno como “o peor que se recorda en Santiago”. “Nunca Santiago estivo tan sucia, nin houbo tantos problemas de seguridade nin tanta incapacidade de xestión”, asegurou.
O líder popular compostelán fixo fincapé en que a súa proposta non é “un capricho político”, senón “unha chamada á responsabilidade da oposición”: “O PSOE e os concelleiros non adscritos critican cada día o goberno, pero non fan nada para cambialo. Se é tan malo, que dean un paso adiante e apoien un cambio real”, dixo Verea.
Subliñou ademais que o PP “foi a forza máis votada” nas últimas eleccións municipais e que “a cidade non pode seguir catro anos máis neste caos”.
Durante a entrevista, o locutor Álvaro Veiga preguntoulle se aceptaría que a moción de censura estivese liderada por outra persoa que non fose el. Verea respondeu con claridade e ton pragmático: “O importante non é quen a encabece, senón que Santiago volva funcionar. Se hai unha persoa capaz de liderar un goberno alternativo que dea estabilidade, o PP estará aí con responsabilidade.”
Engadiu tamén: “Non se trata de sillóns nin nomes, senón de sacar a cidade do bloqueo. O que non pode ser é seguir así outros catro anos.”
E concluíu matizando que, aínda que o PP foi a forza máis votada, “o que importa agora é Santiago, non quen teña o bastón de mando.”
Verea defendeu a creación dun “goberno de emerxencia” con medidas inmediatas para “recuperar a estabilidade e o funcionamento institucional”, e adiantou un decálogo de actuacións prioritarias: reforzo da limpeza, auditoría dos autobuses, novo contrato da auga “que xeraría 100 millóns de euros para os santiagueses”, creación dunha rede pública de cociñas escolares, construción de vivenda pública e reforzo da Policía Local.
“Temos un proxecto serio e viable. Non queremos sillóns, queremos que Santiago volva funcionar”, resumiu Verea, que tamén insistiu en que “a oferta de diálogo segue aberta ata o último día de mandato”.
As palabras de Verea tiveron unha rápida repercusión política. Poucas horas despois, o concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños abriuse inicialmente á posibilidade dunha moción de censura encabezada pola exedil socialista Mercedes Rosón, a quen cualificou como “a única opción viable”. Porén, o edil acabou rectificando e asegurou que “non vai haber moción de censura” nin negociación algunha co PP. “Temos palabra; outros, palabrería”, escribiu nas súas redes sociais.
A propia Mercedes Rosón declarou a El Correo Gallego que “xamais formará parte dun goberno de coalición co Partido Popular”, lembrando que o PP “coñece perfectamente a súa postura”.
Desde o PSdeG de Santiago, o secretario xeral Aitor Bouza tamén quixo deixar claro que “non imos mercadear co PP nin directa nin indirectamente”, apostando por “manter unha oposición construtiva, fiel aos principios e á cidadanía compostelá”.
Así, a proposta de Verea non logrou, polo momento, sumar os apoios necesarios, aínda que o debate deixou á vista o malestar entre os grupos da oposición e evidenciou que o mapa político compostelán segue a ferver.
Escrito por Líder Redacción
borja verea mocion de censura partido popular Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)